viernes, mayo 18, 2018

O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA MINORIZADA ( I )


O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA MINORIZADA (I),
por Marcelino B. Taboada.

Ao meu entender o idioma galego na nosa contorna responde ás connotacións ou apuntamentos tópicos que definen e acoutan unha lingua minorizada calquera. E esta precisión vén a conto co fin de establecer as diverxencias fronte ás chamadas minoritarias. É dicir, que a pesar de non atoparse na situación eventual de acoller un número de falantes de xeito residual ‒xa que, como pouco, se cifran nuns 40.000 os seus hipotéticos usuarios, unha porcentaxe (en proporción ao censo de tódolos residentes actuais que viven na comarca) a non desprezar‒, a súa presenza podería aínda incrementarse en áreas vencelladas coas relacións humanas correntes, básicas e/ou familiares nas que antano era un elemento de obrigada asistencia. E, ademais, hai ámbitos relativos ao coñecemento, ciencia e dominios específicos cunha gran capacidade de desenvolvemento nos que parece estar condenada ao esquecemento pero sempre a causa da desidia e indolencia propias, ancestrais e/ou modernas.

Fóra destas eivas que sen dúbida proveñen dunha multiplicidade de axentes e condicionamentos, o seu afastamento dun concepto de marxinalidade é patente, pois tampouco se dan as circunstancias negativas necesarias que coadxuven intencionalmente na procura de fixar unha estratexia tendente a acadar un obxectivo excluínte: que se produza un rexeitamento salientable e permanente pola banda da burguesía e intelectualidade local con certo prestixio, e nomeadamente das clases sociais pertencentes neste senso a un sistema ideolóxico único, acaparador e coincidente.



Agora ben, cales son as notas que concorren no intre de ter que definir e catalogar o galego coma lingua minorizada no noso país? Segundo o meu xuízo, estes trazos insírense nunha categoría ampla que contén todo un conxunto de factores singulares e que se manifestan asemade no terreo social, cultural e económico. Dito como cómpre expresalo nunha perspectiva sociolóxica: “algúns de nós tamén desempeñamos neste asunto un rol de pasividade e desentendemento, porque así entre os moitos concernidos non nos sentimos tan responsables”.

Volvendo ao fío concreto das circunstancias que determinan a pouca consideración da segunda fala do Bierzo, convén botar tan sequera unha sinxela ollada ás notas indispensables a incluír na esquemática análise a debullar deseguido, e no seo de ámbitos esenciais: o académico ou escolar, o administrativo ou político, o mediático e divulgativo e polo que atinxe ao eido dos colectivos a implicar (coñecidos co termo laxo de “sociedade civil”).


No primeiro destes epígrafes a glosar (o educativo, por mor de constituír unha materia regrada) o máis exitoso e de gabar dos devanditos factores influíntes hase ponderar a súa evolución recente, que provoca que o uso do idioma neste recanto estea a recuncar paseniñamente. Isto é tan notorio que a súa avaliación vén conseguindo nos últimos tempos unha cualificación case óptima e exemplar, pese a acumular aínda súa curta singladura. Trala sinatura dos acordos entre as dúas Administracións autonómicas en cuestión (comezando a seu percorrido real, neste contexto, no curso 2001/02), a medra nas cifras totais de alumnos inscritos non deixou de manterse á alza (ata ser considerada extraordinaria, por enriba das previsións máis esperanzadoras naquelas datas): 844 estudantes no ano lectivo 2005/06, pasando a superar o milleiro no 2008/09 (engadindo neste rexistro os datos aportados pola zona de As Portelas, en Zamora), chegando a unos 980 no 2016/17 na nosa exclusiva área estremeira. Esta dinámica crecente vaise consolidando consonte as derradeiras informacións, que falan dunha fita notable acadada, plasmada nos datos (que conforman novamente outro récord na actualidade, practicamente impensable no 2017/18): máis de 1.100 alumnos no global, oficiais e libres (sen sumar os candidatos que se examinan acolléndose ás convocatorias da proba propia dos Certificados a outorgar pola Xunta: os CELGA, liderados polo CELGA 4).


Neste campo de actuación tan alentador e cobizoso o resultado do labor feito é sobresaínte e, aínda que resten algúns aspectos salientables a mellorar (a mingua notable polo que fai ao paso ou transición entre os diferentes niveis de estudos a percorrer e, ante todo, no non acollemento do galego coma materia optativa no bacharelato, a non concesión de ningún certificado CELGA ao remate da Primaria, a excesiva porcentaxe de candidatos aos CELGA en comparación coa excesiva inscrición na modalidade libre na Escola de Idiomas de Ponferrada, as tendencias lusistas e integracionistas que afastan o pretendido modelo dos dialectos “vilarego ou ancarés” ou da variedade que se chama tradicionalmente “chapurreao”, a carenza de posibilidades de adaptación na aplicación dos contidos ao entorno,…

De todos os xeitos, estas queixas teñen fácil arranxo e non inflúen apenas (só tanxencial e incidentalmente) nas eivas constatadas que imos debullar de contado:

Destacada a nota máis complacente co gallo de procurar un reforzamento e bo porvirdende o punto de vista sociolóxico desta lingua presente no Bierzo (que conta, tal como se adiantou con anterioridade, cunha cifra remarcable duns 40.000 residentes que a coñecen por diversas consideracións: afinidade, orixe, vencellos familiares, sociais,…), é indispensable referir a morea de atrancos que contenden na súa contra. Desta maneira, no campo normativizador e académico, o galego non é moi aprezado nin goza do recoñecemento ou prestixio que debería. A circunstancia que coadxuva decisivamente, neste ámbito esencialmente cualitativo, enxertase na parcela divulgadora, e nomeadamente na súa cativeira presenza “a cotío” nos medios de comunicación social. Nos xornais é unha anecdota, saldada co emprego de cando en vez, e a súa plasmación reducida amosa a súa situación de subordinada: esporadicamente utilizada, v.g no Bierzo comarca, no Eco do Bierzo e máis a miúdo na páxina web coñecida como “o Bierzo ceibe” (a devanceira das conservadas, cuxa continuidade e traxectoria supera dabondo ás doutras denominacións precedentes desaparecidas). No mesmo senso, o sitio web na rede correspondente ao Grupo As Médulas evidencia certamente, na súa filosofía primixenia, unha vocación un chisco elitista mais culto e disposto a darlle un pulo importante ás actividades a levar a termo. Agora ben, a perspectiva deste sector editorial de excelencia (aínda que o número de obras publicadas sexa só testimonial) pódese considerar que entraña unha marxe de espallamento folgada. A pesar de recuar cuantitavamente, a causa da globalidade do inglés e dinamismo do castelán, esta debilidade vese mitigada pola concorrencia das competitivas ofertas das canles audiovisuais públicas galegas: a TVG. O éxito obtido durante decenios do programa infantil “Xabarín club”, ademáis do atractivo alcanzado por outros espazos senlleiros (Luar, Land Rober Tunai Show e algunhas series de entretemento ou programas destinados ao tempo de lecer). Ou sexa, no noso país (nas zonas lindeiras coa rexión veciña) a audiencia da televisión autonómica é, en xeral, semellante á rexional autóctona. E asemade, no canto que atinxe aos deportes federativos en contacto, é apreciable e constante (nomeadamente no caso de acontecementos nos que se enfrontan equipos sobranceiros de ambas dúas bandas que comparten idéntico limiar).


                                                    Marcelino B. Taboada

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es