Páginas

miércoles, febrero 14, 2018

O NOSO DÍA DA LINGUA GALEGA DO BIERZO.


O DÍA DO GALEGO DO BIERZO.
Por Javier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es

O 9 de marzo de 1695 naceu o erudito frei Martín Sarmiento. Os galegofalantes aproveitamos esta data para celebrar o Día do idioma galego do Bierzo. Cada ano a Escola de Gaitas  de Vilafranca organiza unha nova Xornada cultural que concede todo o protagonismo aos estudantes do galego nesta rexión. Así a mocidade berciana pode sentir o orgullo coletivo de ser falantes desta lingua.

Tras un longo proceso reivindicativo se puido estudar galego nos centros escolares do Bierzo. Primerio foi o colexio da Ponte de Domingo Flórez. No ano 1997 abriuse unha nova xeira, o Congreso dos Deputados aprobou unha resolución a prol do ensino do galego no Bierzo. Depois chegaron o recoñecemento do galego no Estatuto de Castela e León (1999), o convenio de colaboración entre Xunta e Junta (2001), até chegar á oferta de galego en varios centros escolares (2002). Paseniño van incorporándose máis colexios ao ensino do galego.


Outras estratexias reivindicativas sobre o galego inciden no uso do galego nos entes locais (Consello Comarcal, concellos e pedanías), medios de comunicación, a declaración de cooficialidade lingüística, etc. Son moitos os atrancos que atopamos acotío no recoñecemento dos nosos dereitos idiomáticos mais o proceso reclamador vai para diante. A lexitimidade democrática está connoco cando os falantes de Galiza teñen dereitos recoñecidos e os falantes bercianos non. Isto é unha clara discriminación lingüística que debe rematar.

A nivel sociolingüístico os falantes bercianos son vedraños. Por iso hai que facer un maior esforzo en recuperar a mocidade. O ensino na escola non é abondo para normalizar o uso desta lingua. Convén prestixiar máis o galego gañando novos espazos lingüísticos. Hai unha esixencia de modernizar o galego, superando o dialetismo berciano. Os novos falantes queren un idioma polivalente. O galego normativo abre as portas educativas (universidade) e profesionais (traballos público e privado). Ademais temos a posiblidade de dar o salto lingüístico cara ao portugués, idioma de carácter internacional.


Para progresar co galego do Bierzo necesitamos as novas tecnoloxías da información. O galego ten internet para acadar maior prestixio social. Internet permite a visibilidade cultural da nosa comunidade galega, tamén unha mellor comunicación e participación social. Resta moito por traballar para gañar este espazo mediático fundamental. O galego debe ser un medio de subministrar medios axeitados para o desenvolvemento persoal e coletivo dos seus falantes. 

O galego do Bierzo tivo o seu desenvolvemento no medio rural durante séculos. Mais na atualidade ese espazo agrogandeiro está ameazado polo despoboamento. O sistema  capitalista forza a urbanización, a progresiva dixitalización da sociedade e maila uniformización cultural. Estes novos retos prexudican o plurilingüismo da humanidade. Velaí a necesidade de reforzar os valores do bilingüismo co noso galego. Este non pode illarse no Bierzo senón aliarse coas comunidades de Galiza para ser máis eficaz e de Portugal para internacionalizarse.

O Bierzo, febreiro de 2018
www.obierzoceibe.blogspot.com
www.facebook.com/javierlagomestre

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario