miércoles, julio 05, 2017

AS NOVAS RESISTENCIAS ANTIGALEGAS NO BIERZO.


NOVAS RESISTENCIAS POLO GALEGO DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es

A defesa da lingua galega na rexión do Bierzo vén de lonxe. Eiquí trataremos de facer unha pescuda no estudo das últimas resistencias lingüísticas. 

Neste rápido percorrido comezamos coas demandas polo ensino do galego. Ensaios pedagóxicos co galego tiveron lugar en colexios de Corullón e A Ponte de Domingo Flórez. Pero a chama reivindicativa xurdíu no instituto Álvaro de Mendaña de Ponferrada (1996) onde houbo a demanda da materia optativa de galego polo seu alunado que foi rexeitada.  


Como reación ante esta inxusta decisión institucional, principiouse a vía política. Levouse a reivindicación ante a Congreso dos Deputados, onde o BNG fixo a tramitación parlamentar. Finalmente aprobouse a resolución a prol do ensino do galego no Bierzo (1997). Pero isto non foi suficiente para que a Junta de Castela e León executase esta demanda política. Os gobernantes en Castela dixeron que non había obrigación legal para cumprir ese mandato lexislativo.

Houbo que reivindicar o recoñecemento do galego no propio Estatuto de Autonomía de Castela e León. As Cortes rexionais respostaron que non a tal reforma lingüística. Pero as nosas demandas si foron recoñecidas polas Cortes Xerais no dito Estatuto (1999). Aínda tivemos que agardar a aprobación doutra resolución a prol do ensino do galego polas Cortes rexionais (2000). Finalmente o galego foi materia optativa dende o curso seguinte. Pero dende entón o ensino regrado do galego tivo numerosos problemas de execución nos centros escolares.


A reivindicación política continua. Na reforma do Estatuto de Castela e León do ano 2007 xa se demandou nas Cortes Xerais o recoñecemento do galego como oficial no Bierzo. Por suposto isto foi rexeitado, pero esta demanda voltará na vindeira reforma estatutaria que se prepara. 

Outra importante reivindicación tivo lugar coa reforma da Lei da Comarca do Bierzo. Esta norma de 1991 non admitiu o galego sorprendentemente. Pero na reforma de 2010 a referencia ao galego xa xorde no seu artigo 1.4. Todos estes recoñecementos legais non son illados. Hai un movemento social reivindicativo que aproveita as conxunturas políticas para facer as demandas lingüísticas.  


Estas declaraciois legais sobre o galego no Bierzo forman parte das singularidades da nosa rexión. Así se determina no propio Estatuto de Castilla y León (arts. 5.3 e 46.3). Esta peculiaridade lingüística fundamenta o Consello Comarcal de O Bierzo porque forma parte da razón da súa existencia. Trátase de que a materia lingüística forme parte das súas competencias. A realidade é que tamén temos intereses culturais e lingüísticos, diferentes aos da Comunidade de Castela e León, que deben ser protexidos. 

A nosa minoría galegofalante seguirá a loitar polo recoñecemento pleno dos nosos dereitos lingüísticos. Nesta dinámica reivindicativa teñen que participar as instituciois bercianas para reforzar o seu carácter de servizo público polo ben común.   

O BIERZO, XULLO DE 2017.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home