viernes, junio 30, 2017

A NOSA LITERATURA ORAL DA REXIÓN DO BIERZO.


A NOSA LITERATURA ORAL BERCIANA,
por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

No Bierzo occidental falamos galego dende séculos. Velaí a presenza da nosa ampla literatura oral nesta lingua. Queremos recompilar algunhas manifestaciois desa literatura oral que paga a pena coñecer.

Un neniño cando nacía no seo da súa familia xa escoitaba as letras das nanas. “Vén sonín, vén, pola folla da mazorga, vén sonín, vén, i adorméceme esta cochorla”. Así comezaba a súa aprendizaxe na lingua tradicional.


Na nosa economía agrogandeira ben presente estaban os cantares galegos. Os labregos dos leiros e cortiñas sempre se acompañaban de cadenciosas letras. Así acontecía na sementeira, “o primeiro é para Deus, o segundo prós paxaros, i o terceiro é para nós”. Cantas cantigas semellantes estiveron presentes nas cavas das viñas ou nas rozas das bouzas e searas comunais.

Nas xeiras de colleitas e mallas de novo os viciños xuntábanse nos traballos comunais. Xamais faltaban os cantos animadores do esforzo grupal. Salientamos as pullas que se botaban entre os diversos grupos de traballo, “cantai de aí morriñosos, que de eiquí cantamos nós, está o carneiro no pote, i os cornos serán pra nós”.



Outras xuntas veciñais acontecían nos muíños mentres se facía a fariña, “o muiño de Cacabelos, bota que bota fariña, i o que queira boas mozas que veña para Sorribas”. Iguais cantos tiñan lugar nos fornos, lagares, lavadoiros e fontes.

Nos desprazamentos ás variadas feiras das vilas do Bierzo facíanse coa compaña das correspondentes cantarenas, “O Carallo vintenove, vai na feira en Cacabelos. Se o vedes por aló dádelle carne con pelos”. Cantas canciois  terá escoitado o milladoiro da Cruz de Ferro das bocas dos seitadores galegos e bercianos, “Ei de ir ás segas de Astorga, ein de levar a parentela. De día átame os mollos, de noite durmo con ela”.   



Nos fiandois das localidades bercianas había traballo e contos dos vellos. Tamén se aproveitaba para criticar aos poderosos, “a criada do cura ten un neniño que dicen foi feito cun responsiño”. Mentres tanto a mocidade se namoraba, “a rapaza foi á fonte, moito tarda, que non vén, ou rompeu o cantariño ou moitos amores ten”.

A peculiar relixiosidade local estaba presente en multitude de crenzas populares. As tormentas tiñan o seu desconxuro, “exconxúrote, troneiro con tres follas de loureiro, e pon a cruz de Santo Tomás”. Cando había pediatras, para curar aos neniños tiñan “San Benitiño, meu fillo che traigo, déixocho, devólvemo sano”. Non faltaban tampouco os remedios caseiros, “sabañón puto, con allo te unto, se me volves a picar, vólvote a untar”.  


Para o divertimento temos os trabalinguas. Velaí “alto, alteiro, bon cabaleiro, gorra morada e espolas de aceiro” (o galo). E a sabedoría popular está presente no noso refraneiro. Así o mundo animal serve de pedagoxía, “o corvo nace na pena e sempre tira para ela”. O santoral anuncia a climatoloxía, “auga de san Xoán, quita viño e non da pan”. A nosa orografía está ben estudada, por iso “no Bierzo, as montañas, a que non dá viño dá castañas”. 

O BIERZO, XUÑO DE 2017.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es