viernes, mayo 05, 2017

A NOSA ESPECIFICIDADE GALEGO-BERCIANA.


A NOSA ESPECIFICIDADE GALEGOBERCIANA.
por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo

A península ibérica amosa unha grande variadade lingüística. Amais do castelán e mailo portugués, as comunidades autónomas periféricas teñen os seus idiomas en Euskadi, Catalunya, Galiza, Valencia, Baleares ou Aragón. Incluso existe o aranés no pequeno val pirinaico.

As comunidades autónomas con lingua propia souberon darlle o grao de oficialidade debido. Deste xeito os seus idiomas poden ser usados no seo das instituciois (ensino, xustiza, saúde, etc) para que os seus cidadaos poidan exercer os seus dereitos lingüísticos.  


Todos sabemos que no Bierzo houbo dende a Idade Media tres linguas en contacto, castelán, galego e leonés. Por suposto a proteción dada ao idioma castelán oficial foi desprazando e reducindo as outras linguas territoriais. A pesares das políticas uniformizadoras seculares hoxe hai unha minoría galegofalante no Bierzo que merece todo o respeito.

Sen embargo, as administraciois públicas no Bierzo non fan case que nada pola proteción do galego. A Junta de Castela e León, depois de moita vindicación social, deixou estudar galego nos centros escolares. A Deputación de León non quere fomentar unha lingua que considera allea á súa identidade territorial. Igualmente, as instituciois locais do Bierzo só exercen políticas lingüísticas castelás.


A protección do galego ten un recoñecemento legal, tanto no Estatuto de Autonomía de Castela e León coma na Lei de Creación da Comarca do Bierzo. Pero o noso Consello Comarcal non amosa ningún interese polo fomento do galego, só hai que ver o pouco feito até agora. A súa desculpa institucional sempre é a mesma, non hai medios económicos para facer algo. 

Todo indica que os gobernantes non teñen interese en promocionar o galego do Bierzo. Eles priorizan outras políticas culturais alleas, iguais ás feitas en León ou Valladolid. Non entenden que o Consello Comarcal ten que fomentar máis o noso, para evitar que se perda e porque ten un valor cultural que necesita maior consideración social e política.


A especifidade lingüística da rexión berciana demanda unha intervención política, como noutras comunidades autónomas. Hai unha minoría galegofalante que merece outro tratamento institucional e non ser ignorada. Porque o noso complexo lingüístico supón un rico patrimonio cultural (filolóxico, toponímico, literario, etnográfico, etnobotánico…).

Pola outra banda, O Bierzo é rexión periférica dentro da Comunidade Autónoma de Castela e León pero con diferente desenvolvemento cultural. Esta situación estratéxica  permítenos aproveitar os vincallos históricos con Galiza que deben ser mellorados. Así a nosa escaseza de medios para a proteción do galego pode ser compensada pola lóxica colaboración con instituciois de Galiza.


Evitemos o errado complexo de fronteira que nos afasta do oeste. Miramos pouco para os de fóra, casos de Valdeorras ou Pedrafita, por iso as relaciois culturais con eles escasean. Se estragamos as nosas raiceiras galegobercianas, por deixadez propia ou presiois alleas, deixaremos de ser nosoutros para ser outros, perdendo parte da nosa idiosincrasia histórica plural.

O Bierzo, maio de 2017.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home