martes, octubre 20, 2015

XUNTANZA DAS MÉDULAS A PROL DO GALEGO DO BIERZO.


O COLETIVO FALA CEIBE NA XUNTANZA DAS MÉDULAS,
Por Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

O sábado 17 de outubro tivo lugar unha xuntanza de coletivos e persoas interesadas na defesa da lingua galega na rexión do Bierzo. Entre outros participou nesta asembleia o coletivo Fala Ceibe e a seguir deixamos algunhas dos contidos do debate lingüístico. 

Como non podería ser doutro xeito a problemática do ensino do galego estivo moi presente, valorando os novos atrancos políticos e xurídicos que, co abeiro da nova lexislación, empecen un ensino normalizado do galego na nosa rexión estremeira. Ademais da lexislación sinalouse que non hai interese dos políticos nin dos dirixentes dos centros educativos por protexer o ensino galego. 


Dende Fala Ceibe cremos que só a presión social berciana pode mudar esta difícil conxuntura antigalega con clara fundamentación política e xurídica. Chegou a hora de que a minoría galegofalante se organice para defender os seus dereitos lingüísticos e educativos. Doutro xeito os poderes políticos castelán-leoneses remataran coas nosas recentes conquistas lingüísticas.

POLA CREACIÓN DUNHA INFRAESTRUTURA ORGANIZATIVA.

Vai sendo hora de organizarse doutro xeito. Os pequenos coletivos reivindicativos e persoas que traballamos pola lingua galega temos que organizarnos doutro xeito máis efetivo. Da nosa unión debe sair unha nova forza reivindicativa no Bierzo. Por suposto, a creación da nova organización non empece o traballo vindicativo independente de Fala Ceibe que seguirá como tal. Hai novas estratexias que poden acadarse mellor da unión de todos os que queiran entrar neste proxeto coletivo.


Dende Fala Ceibe propomos visibilizar canto antes na internet a nova infraestrutura reivindicativa. O debate pode estar na necesidade para uns de crear unha organización formal como tal ou dunha agrupación máis informal. Ben sabemos que a xente en xeral fuxe dos compromisos organizativos (cargos, militancia, pago de cotas, asistencia a reuniois…). A nova organización pretenderá crear unha páxina web institucional que terá un carácter pechado na súa oferta informativa. Isto será pouco atraínte para os internautas. 

Hai tamén a outra posibilidade de atraer aos potenciais participantes detrás dun medio de comunicación  alternativo. Referímono a un XORNAL DO BIERZO que permita ter un grupiño de persoas fixas capaces de manter a información periódica e doutra xente que participe de xeito ocasional cando lles pete nas actividades que se programen (concursos, andainas, colaboraciois escritas, remesa de fotografías, etc). Dende logo que un XORNALDOBIERZO sería un produto cultural aberto nos seus contidos e máis participativo.


POR UN NOVO ACTIVISMO NO SÉCULO XXI.

Dende logo que o ensino é un tema básico da reivindicación. Pero non podemos esquecer que hai outros eidos que non se poden pasar por alto. Velaí as administraciois locais na súa relación co galego. Temos os concellos, pedanías das nosas localidades e mailo Consello Comarcal. Fala Ceibe aposta por presentarlles propostas lingüísticas sinxelas, fácilmente executáveis e de baixo custo. A relación con medios de comunicación (radio, xornais en papel, tv, internet) debe ser mellorada esixendo unha maior presenza do galego mediante a presión continua. Como alternativa galegueira a este poder mediático de hoxe ben estaría a creación do dito XORNALDOBIERZO na internet.

O novo poder galegueiro que pretendemos na rexión do Bierzo non pode deixar de prestar servizos de dinamización lingüística. Referímonos ao eido do lecer (visitas turísticas, andainas rurais, concertos…). No eido da cultura hai que celebrar xornadas divulgativas para dar a coñecer a nosa historia, dereito consuetudinario, toponimia, lingua galega, etnografía, etc. A través das xornadas poderemos fomentar a investigación nestes eidos, e maila divulgación pola internet ou en publicaciois en papel. Todo isto servirá para prestixiar a nosa asoballada cultura galegoberciana ante cidadanía e as elites inteletuais castelás.


UNHA VANGARDA REIVINDICATIVA.

Un dos problemas históricos da minoría galegofalante da rexión do Bierzo ten sido a falta de dirixentes comprometidos coa súa defesa. Precisamos dunha organización alternativa que represente á minoría galega ante os poderes institucionais, políticos ou mediáticos. Esta representación se acada co activismo acotío. Está claro que non falamos de representación política que defenderá primeiro os seus intereses organizativos e ideolóxicos. Os contrapoderes, sexan inteletuais, políticos ou mediáticos, teñen que negociar cun poder galegueiro no Bierzo, doutro xeito avasallan, temos o exemplo do ensino onde cada curso que pasa estragan os nosos dereitos educativos.

AS VANTAXES DO GALEGO NO BIERZO.

Falouse na xunta das Médulas de ofertar as vantaxes do ensino do galego, os éxitos acadados até agora. Por suposto que isto está ben. Pero tamén hai que traballar en amosar os valores do noso patrimonio lingüístico berciano. E un punto importante será dar novas funcionalidades a esta lingua asoballada na rexión berciana. Hai que recuperar eidos de socialización en galego, obxetivo nada doado de acadar a curto prazo. Temos un longo proceso continuado de asimilación social alternativa. Primeiro información lingüística, despois concienciación, a seguir reivindicación, negociación…


Cómpre un activismo lingüístico por eidos (ensino, administraciois públicas, medios de comunicación, dinamización social…) pero tamén segundo grupos sociais (mocidade, políticos, intelectuais, ensinantes, vedraños…). Hai que diversificar as estratexias socias no tempo cun certo grao de especialización vindicativa.

CARA Á MOCIDADE BERCIANA.

O futuro do galego na rexión do Bierzo estará na nosa mocidade. Convén ofertar un galego sedutor para eles, capaz de atraerlles a esta cultura en galego. Se a mocidade se move tanto nas novas tecnoloxías da información, temos que saber compartir este espazo mediático. A pola visualización do galego! na internet, compartindo a novas cadencias visuais. 



O galego débelles entrar polos ollos antes que nada. Xa haberá tempo de seducir doutro xeito, coa leitura, a escoita, a fala, a escrita…  Hai un proceso de sedución do galego, case que iniciático. Aprendamos entre todos a traballar co galego na internet para achegarmos á mocidade berciana. Procuremos a súa participación en galego con concursos, videos, fotos, música, etc.

Temos unha batalla pendente, rematar cos últimos prexuízos lingüísticos (políticos, territoriais, funcionalidade, etc) que aínda quedan entre a cidadanía. Neste senso o prestixio do galego é fundamental cun medio moderno como é a internet. Orgullosos do noso pasado cultural rural (memoria lingüística) pero mirando para o futuro, tamén con outros instrumentos de comunicación, coa internet e co portugués que nos internacionaliza.

O Bierzo, outubro 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es