martes, septiembre 16, 2014

A ROMARÍA DA VIRXE DE CASTROTIERRA EN LEÓN.


A ROMARÍA DA VIRXE DE CASTROTIERRA,

por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Partimos de Ponferrada no bus Alsa para La Bañeza. Durante a viaxe falamos cun vedraño que nos comenta a súa experiencia coa romaría da Virxe de Castrotierra. Concretamente, díxonos que a súa muller nalgunha ocasión fixo a romaría descalza dende Astorga. Por suposto, esta referencia era a tempos moi lonxanos cando os romeiros viaxaban en cabalerías e carros. Sen darmos de conta chegamos a La Bañeza. Non hai tempo para visitar esta vila, pois saímos cara ao norte na procura do desvío para Palacios de la Valduerna. Neste camiñar atopamos os sinais amarelos que nos levan polos campos ben regados polas canles. Ben cedo vemos a  torre do pazo dos señores da vila de Palacios. Atravesamos o valeiro rueiro mentres buscamos a saída para Tabuyo. Nas aforas da vila xa vemos ao lonxe o outeiro onde está o vello santuario de Castrotierra. Non hai perda pois!.


Seguimos a estrada mestres desfrutamos desta chaira leonesa, con viñedos que nos lembran o noso Bierzo. En pouco tempo chegamos ao pobo de Castrotierra, presidido polo seu famoso santuario. Subimos pola estrada do outeiro, enriba preside a torre da igrexa. Na esqueda hai un feo edificio de formigón, trátase do centro de pendois da zona. Entramos nesta casa, mentres montan os pendois, e visitamos o sinxelo museo que fai referencia á historia dos pendois leoneses. 

Na igrexa do santuario de Castrotierra vai enchéndose de xentes de todas partes. Hai moitos reencontros de hai tempo polas mostras de alegría entre a xente. Ata tal punto chegan esas alegrías populares que os cregos, dende o altar, teñen que avisar con malestar que estamos nun templo relixioso e non nunha praza pública. Os fieis non deixan de tirar fotos das virxes que presiden a cerimonia relixiosa. Mentres ten lugar a misa das 13.30 horas revisamos datos históricos desta romaría. 


UNS APUNTAMENTOS HISTÓRICOS DESTA ROMARÍA.
Hai datos documentais desta romaría entre Castrotierra y Astorga desde 1557, aínda que a tradición oral leva o seus antecedentes ata o século V. Segundo contan todo comezou cunha seca nestas terras. Os habitantes destas terras, ante o temor a estragar as súas colleitas, pediron consello a Santo Toribio que lles dixo que sacaran en procesión á Virxe de Castrotierra. Así o fixeron e se fixo a milagre da chuvia. Dende entón seguen coa tradición de sacar a Virxe en pedimento de chuvia. Agora son os chamados procuradores, representantes destes pobos da contorna, e que forman unha irmandade relixiosa, os que deciden sacar en procesión á Virxe cada sete anos. Neste ano sae a imaxe milagreira porque vai ser coroada na catedral de Astorga, un feito extraordinario. 


Cóntannos que no principio había 18 pobos na organización da romaría, agora son só 10. Os ditos 18 pobos herdaron o monte por mor da doazón da marquesa de Astorga. Sen embargo, na romaría hoxe participan moitas máis xuntas veciñais cos seus pendois.  Paga a pena dicir que a nova coroa, a antiga foi roubada, foi costeada polos pobos da contorna, entre eles, Celada de la Vega, San Justo de la Vega, San Román de la Vega, Brimeda, Vadeviejas, murias de Rechivaldo entre otros. 

Neste venres 12 de setembro a procesión sae do santuario de Castrotierra e viaxa ata a Catedral de Astorga. Son 18 quilómetros de marcha entre ámbalas dúas poboaciois. O bispo de Astorga vai coroala o vindeiro día 20. Ao día seguinte, o domingo, volta a romaría para o seu santuario de Castrotierra onde se espera para as 14 horas.


COMEZA A ROMARÍA DA VIRXE DE CASTROTIERRA.
Remata a misa no santuario de Castrotierra. Comezan a erguerse os pendois e logo baixan do outeiro. Mentres tanto, abaixo xa están a agardar outros tantos pendois, que non tardan en comezar a marcha pola chaira leonesa. A ringleira de pensois toma a estrada para Riego de la Vega. A romaría vai presidida polos pendois, logo as cruces e ao final as dúas virxes cos cregos. Mentres avanzamos entre pendois e pendoneiros tiramos fotos para lembrar esta especial romaría. Cada pendón representa a un pobo da contorna, moitos deles descoñecidos para nosoutros. A sorpresa é atopar tamén pendois do Bierzo, de Almagarinos, Torre y Folgoso de la Ribera. 



Moita alegría entre os romeiros, entre eles moita mocidade alegre que vai manter de seguro moi viva esta tradición popular e relixiosa. A ringleira de bandeiras sube para a paraxe de Las Encinas sen amosar cansanzo. Ás veces algún pendoneiro xoven sofre a perda de equilibrio o que provoca certas caídas dos pendois. Por sorte, os veteráns collen enseguida o relevo dos máis cansos. 



Chegados ao cruzamento da estrada para Riego de la Vega os pendois da comarca da Valduerna voltan para atrás. Eiquí desaparece a estrada asfaltada e pasa a ser un camín de terra, o que endurece a marcha dos romeiros e pendoneiros. Este camín é paralelo á estrada nacional VI. Na cidade de Astorga agardan a chegada da romaría para as 20.30 horas. Son moitos os astorganos que saen andando á procura dos romeiros, outros tantos agardan comodamente sentados nos bares da estrada nacional.

O Bierzo, setembro de 2014.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es