viernes, agosto 29, 2014

ROTEIRO ENTRE O BIERZO E PORTUGAL


ROTA LONGA ENTRE O BIERZO E PORTUGAL,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Pretendemos con esta viaxe unir O Bierzo e o norte de Portugal. Saímos de Ponferrada para tomar a estrada de Salas dos Barrios. A costa non deixa de ascender por San Cristobal de Valdueza.  Pouco despois o desvío para Bouzas, no val do regueiro Compludo. Queda a visita para outra ocasión. Pola dereita o val do Oza e pola esquerda as paraxes de Rabaneo, Fasgueo… en profundas cárcavas. A paisaxe cada vez máis montañosa. O regueiro da Yegua descended ende o pico do mesmo nome. Chegamos ao porto do Morredero  (1762 m.) e paramos para facer unha foto da cercana estación invernal que amosa longas pistas.  Máis adiante, sempre pola serra do Teleno, procuramos o novo porto das Portillinas (1950 m.).  Mentres principiamos o descenso para a bisbarra da Cabreira, despedimos ao maxestuoso Teleno cos seus 2188 metros. 

A baixada montañosa permite desfrutar do val do río do Cabo onde pacen tranquilamente os gandos sen ameaza dos lobos.  As primeiras casas anuncian o barrio do Pedroso, no núcleo de Corporais da Cabreira Alta. Eiquí o río Ería verte augas na conca do Douro.  Seguimos para Baillo, e despois Truchas. Torcemos para a dereita na busca de Truchillas para iniciar un novo ascenso cara a serra da Cabreira. Temos a compaña do val do río Truchillas. Moita repoboación de piñeiros e rebecos que asaltan a estrada diante de nós. Xa no alto, o porto do Peñón (1840 m.). Nova parada para desfrutar da bisbarra da Seabra zamorá. Dende esta altura cremos ver Pobra de Seabra e, máis lonxano, en liña recta, quizais sexa Bragança.



Nova baixada para Seabra, primeiro por Escuredo, despois Doney de la Reguejada, amplos piñeiros. Buscamos entre a fermosa paisaxe El Puente, famoso polas súas feiras. Dende eiquí pouco queda para Pobra de Seabra. Esta vila ben merece a parada para desfrutar da zona monumental. Hoxe hai tenderetes artesanais e gastronómicos no seu rueiro máis antigo. As tendas amosan os seus produtos alimentarios da bisbarra. No alto o vello Castelo dos Benavente. 

NA PROCURA DE BRAGANÇA.
A longa estrada cara ao sul descubre os pobos de Lobeznos, Pedralba de la Pradería e Calabor. Despois xa entramos en Portugal. A primeira aldeia é o expresivo Portelo, despois França, para seguir polo val do río Sabor ata Bragança. Na paisaxe non hai diferencia co deixado atrás. Entramos con coidado no complexo de estradas da capital do nordeste de Portugal. O vello Castelo é o noso guía, para aló imos. Deixamos o noso auto na rúa San Francisco onde hai otros autos con matrículas foráneas. Nas ladeiras do Castelo merodean os turistas. 



No interior do Castelo novas casetas de artesanía, coma en Pobra de Seabra. Música de gaitas acompaña a visita. Preside o recinto a Torre de Menagem, do século XV, que garda hoxe o Museu Militar. Tamén na cidadela xorde a igreja de Santa María, chamada Nossa Senhora do Sardäo.  Salientamos o frontán de granito, barroco, con colunas salomónicas. No interior, a imaxe da padroeira Santa María Madalena, da escola de Gregorio Fernández de Valladolid. Ao carón desta igrexa temos o chamado Domus Municipalis, que contén unha cisterna de augas pluviais e sala de xuntas dos homes bos da cidade medieval.
Noutra parte do Castelo atopamos a escultura do chamado Pelourinho que representa os dereito municipais. Trátase de dúas pezas, a figura zoomórfica, un verraco,  chamado porca da vila, e mailo outro elemento, , unha coluna de fuste liso e coroado. Nesta cidadela existe tamén o Museu Ibérico da Máscara e do Traje, onde están recollidos as imaxes do entroido portugués, os Diabos de Vinhais, o Careto de Podence, o Carocho de Custantín, o Belho de Val de Porco entre outros.



Dende as alturas da cidadela desfrutamos do río Fervença. Saímos fóra das murallas para baixar á praça da Sé. Paramos ante algún mosaico exterior azulado, e ante o monumento aos aos militares mortos nas guerras. Dende eiquí seguimos para a zona moderna da cidade, visitando os seus comercios na procura de agasallos.

OS CASTIÑEIROS PORTUGUESES.
Saímos de Bragança, con dirección oeste para Chaves. Rebordamos o parque natural de Montesinho. A nosa rota atravesa o río Tuela antes de chegar a Vinhais, capital da bisbarra. Neste percorrido abraian as novas plantacióis de castiñeiros, suponemos con axuda pública. Incluso hai folletos turísticos que indican as diversas Rotas da castanha en Tras-os-Montes. Por desgraza non temos tempo para visitar estas rotas naturais (Milenar, Judia, Paisagista, Dourado de Padrela e das Fagaceae). Segundo nos contan, eiquí se produce o 85% da castaña portuguesa, lembramos así a nosa castaña berciana. 



Canto máis baixamos ao Sul, proca a paisaxe coa presenza de oliveiras. Cruzamos Valpaço e Rebordelo, novas pronunciadas curvas en Bouças. Entramos no distrito territorial de Chaves. A ampla conca do río Tamega preside o espazo natural. Toda a rota é costa abaixo, cara á importante cidade da ponte romana de Trajano. Antes o pobo de Lebuçao, despois Aguas Frias. Na chaira, Chaves, cos seus almacén sonde acuden tantos españois na procura dos textis. 

A CIDADE DE CHAVES.
Salientamos en Chaves as termas e maila ponte de Trajano. Paga a pena visitaro Castelo coa torre da Homenaxe, desfrutar das vistas panorámicas da contorna. Logo a praça de Luis Camoes, a Cámara municipal, a zona vella con numerosos comercios, e as partes conservadas da muralla da cidade. Hai varios 
fortes, ao norte, S. Neutel, ao sul, S. Francisco. Precisamos de máis tempo para ver tanta fermosura, pero temos que retomar a viaxe de volta.



O Bierzo, agosto de 2014,
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es