lunes, agosto 18, 2014

ROTA Á ROMARÍA DA VIRXE DE FOMBASALÁ.


A ROMARIA DA VIRXE DE FOMBASALÁ, 

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Despois de 30 anos voltamos a facer a romaría da Virxe de Fombasalá. Un novo 15 de agosto, co bo tempo, partimos de Vilafranca do Bierzo. A baleira estrada para Paradaseca guía a nosa viaxe. A dereita os cerros da Campá e logo As Tres Campás. Detrás desfrutamos das vistas da cada vez máis lonxana e pequena vila do marquesado. O Burbia no fondo do val. Na outra beira, pendurados os barrios de Vilachá e Landoiro. En Ponte de Rei un can recíbenos con ladridos e ameaza a nosa lenta pedalada. Máis adiante, unha grata sorpresa, a fonte do Caborco ofrece frescor e descanso. Aproveitamos para encher as nosas botellas con auga que alivie o moito que queda de viaxe.

Tras numerosas curvas chegamos ao desvío para Soutelo, seguindo a beira do seu regato. Rexeitamos este camín porque cremos que a vexetación xa comera todo o sendeiro. Hai anos xa fixemos este treito e tivemos problemas para atopar o percorrido a pesar dos sinais. Así pois, seguimos a estrada asfaltada para A Somoza. Chegamos á ponte divide os camíns, para Paradaseca á esquerda e Paradiña á dereita. Agora si hai unha verdadeira costa para o primeiro. No entrada de Paradaseca facemos un descanso para cavilar nas vellas fotos do século XX onde xurdía o seu casarío chego de pallozas. Baixando, á esquerda, vemos os muros dunha palloza sen teito. Fronte a esta imaxe descubrimos a un veciño tecleando no seu computador tras unha ventá. Todo un contraste. Desfrutando de Paradaseca sentimos ver as novas casas que non gardan relación coa tipoloxía das vivendas do rural berciano. Aínda así souberon manter un hórreo na área recreativa. Tamén a nosa vista procura a vella casa do concello, antigo axuntamento, antes da integración en Vilafranca do Bierzo, pero non a atopamos.

                                     
                   PARADASECA E AO FONDO A LEITOSA,
EXPLOTACIÓIS AURÍFERAS ROMANAS.

De novo, na saída do pobo, cara a Cela, a costa da estrada esixe o noso esforzo pedaleador. Temos a grata compaña dos soutos, onde os ourizos de castañas verdes son agoiro de boa colleita outonal. Dende o alto do Castelo, xunta ao cemiterio, vemos unha panorámica das explotacióis auríferas da Leitosa ao este. Importante é descubrir nalgunhas curvas da estrada carteliños onde se anuncia que eiquí si hai cobertura para os telemóbeis.

Na paraxe de Ortubón atopamos o desvío para Fombasalá, un sinal de tráfico indica 6 quilómetros. Abaixo o pobo de Cela, ao lonxe, e o seu regueiro. Nosoutros principiamos o longo ascenso para a ermida. O camín aínda hoxe se coñece como o que vai para Cervantes na Galiza. Só os máis fortes automóbeis son quen de subir por esta pista de moitas pedras. O camín é tan duro que temos que botar pé a terra na maior parte do noso percorrido. A paisaxe é grandioso e cheo de matorral que nace tralos numerosos lumes forestais. Hai tamén repoboacióis que agardamos que se poidan librar dos fogos estivais. Os topónimos pola dereita, Campa do Pradairo e Corral dos Lobos, mentres pola esquerda a Costa da Val e o regueiro Silvarina. Na cabeza do val, O Morteirín regada pola fonte do Cachón que, por desgraza,  non achamos. Escoitamos a música festivaleira xa, un derradeiro esforzo nunha nova costa. Por fin, automóbeis aparcados no camín, unha vota máis e mailo Chao de Galiana. 



POR FIN A ERMIDA DE FOMBASALÁ. 

Os pradairos e a ermida de Fombasalá ante os nosos desexos ollos. Mellor aínda, unha fonte moi concorrida de xente, agardamos quenda. Chegamos tarde, perdimos a procesión, xa comezara a misa. O crego na súa homilía salienta o difícil que resulta ser cristián nestes tempos tan laicos. Nosoutros entramos na ermida, chea de velas encendidas, sinais dos seus romeiros. Sinxela construción relixiosa de pedra. As imaxes das virxes están fóra, presidindo a misa. No portal véndense obxetos devotos de recordo relacionados coa virxe titular. Ha bo ambente de festa. Salientamos a presenza dos viciños do pobo de Cela, coas súas camisolas relacionadas coas festas patronais co dorsal 14. Moi concurrido o bar e os postos de mercadorías (panos de pescozo, pulseiras…). Tras esta primeira volta tiramos fotos da misa. Escoitamos a interpretación do himno nacional durante a eucaristía. Ao final, o crego dá a grazas en nome de Deus, da Igrexa Católica, sentindo que non houbera o respeito debido entre os romeiros á santa misa. Remata o acto coa salve á Virxe de Fombasalá, interpretada por un romeiro veterán.



Hai unha imaxe que non esqueceremos, trátase dunha nai que estivo colocada durante a misa diante mesmo da virxe de Fombasalá, no seu colo unha cativa cun problema mental. Oxalá que se cumpran os seus desexos de curación para a pequena. Xa coas imaxes das virxes dentro da ermida o fervor vai a máis. Os devotos tocan con cariño o manto da virxe de Fombasalá e tamén a súa faciana. Tras facer estes xestos agarimosos, os romeiros non poden evitar as sentidas bagoas.

Os visitantes son dos lugares da contorna, Soutelo, Cela, Paradaseca, Vilar de Aceiro, Veigueliña e demais. Tamén hai xente de Galiza, entre eles os Cabaleiros do Cebreiro, segundo lemos nas súas camisolas e que subiron a cabalo. Entre a mocidade, camisolas desportivas do Barça, Xixón, Madrid, Valencia… centros da emigración somozana e berciana. Abraia a presenza de tantos romeiros nesta paraxe tan lonxana e incomunicada. Cóntannos que hai décadas os presentes eran moitos máis. 



Hai fame despois de tanto esforzó. Os romeiros damos boa conta dos bocatas. Pero as familias extenden manteis para comer as empanadas caseiras e viños da nosa rexión. Vemos que dúas mulleres toman o camín cara ao pobo de Cela. Coméntannos elas que o percorrido a Fombasalá leva 2 horas de suba, e recomendan que non sigamos ese sendeiro de baixada pola súa grande pendente. Estas romerías son todo un exemplo de fervor pola virxe.

Outros romeiros non indican antano subían a imaxe coronada da virxe dende Vilafranca o día anterior, por suposto a pé non nos automóbeis de hoxe.  Unha cruz de madeira no interior da ermida lembra unha desas viaxes da súa confraría de devotos. A virxe gárdase todo o ano na Colexiata de Vilafranca do Bierzo. 

O Bierzo, agosto de 2014.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es