jueves, enero 02, 2014

NOVA LEXISLACIÓN LOCAL PARA O BIERZO.


A NOVA LEXISLACIÓN LOCAL NO BIERZO, 

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Xa está en vigor a nova lexislación que afecta a tódalas administraciois locais de España. O primeiro que chama a atención son os escasos apoios políticos que ten a chamada Lei de racionalización e sostenibilidade da Administración Local. Abraia que esta Lei tan importante só contase coa aprobación final do partido popular e de partidos minoritarios. Coidamos que esta Lei, de carácter básico, debería aprobarse cun maior consenso parlamentar para evitar posibles modificacióis futuras cando a actual oposición política de esquerdas recupere o poder.

Polo que toca ao amplo e complexo contido da Lei, xa no limiar xorde a referencia á Lei Orgánica de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira (2012) que aplica os seus restritivos principios económicos aos recursos públicos locais. Logo, no fundo, a escaseza de financiamento público vai condicionar claramente a autonomía local. Outro criterio da reforma local é evitar a concorrencia competencial entre varias administracióis que, segundo a Lei, “difumine a responsabilidade dos gobernos locais no seu exercicio e se confunda cos eidos competenciais propios doutras Administracióis Públicas, xerando, en non poucas ocasióis, o descoñecemento dos cidadáns que descoñecen cal é a Administración responsábel dos servizos públicos (…)”. Agardemos que isto finalmente se acade, aínda que as comunidades autónomas terán moito que concretar no tema da delimitación das súas competencias.

AS PEDANÍAS SEGUIRÁN SENDO ADMINISTRACIÓIS LOCAIS.


Todos e todas sabemos da forte polémica que houbo polos ataques aos chamados legalmente entes locales menores, coñecidos como pedanías e xuntas veciñais dos nosos pobos do Bierzo. Pois ben, eses peculiares entes locais deixan de seren administracióis locais, con carácter xeral, segundo lemos no artigo 3º. Agora ben, hai que ir ata a disposición transitaria cuarta, para comprobar que “as entidades de ámbito territorial inferior ao Municipio existentes no momento da entrada en vigor da presente Lei manterán a súa personalidade xurídica e maila condición de Entidad Local (…)”. Logo as nosas pedanías bercianas seguirán posuíndo a proteción legal para a administración dos seus bens públicos. Só a presión social e política que tivo lugar nos meses anteriores acadou este éxito.



Sen embargo, a ameaza sobre as nosas pedanías segue adiante. Así, na mesma disposición transitoria se indica que existe unha posibilidade de disolución. Porque “deberán presentar as súas contas ante os organismos correspondentes do Estado e da Comunidade Autónoma respetiva (…)” antes do 31 de decembro de 2014, para evitar a súa disolución. De novo, grazas á mobilización defensiva das xuntas veciñais, conseguíuse medrar o prazo de entrega das súas contas.


Os futuros entes locales menores que se creen xa non terán personalidade xurídica coma os actuais. A súa creación será moi difícil porque se aplicarán con rigor os principios económicos previstos na restrinsiva Lei de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira. Por iso mesmo, cómpre que a futura lexislación de Castela e León sexa máis favorábel cara á proteción das nosas pedanías.   

REORDENACIÓN DAS COMPETENCIAS LOCAIS.


Unha das partes máis polémicas desta Lei é a nova reordenación competencial que afecta claramente á autonomía local. As competencias do artigo 25 serán obxecto da regulación legal, tanto polo Estado coma polas comunidades autónomas, que deberá incluír unha memoria económica que “reflicte o impacto sobre os recursos financeiros das Administracióis Públicas afectadas e o cumprimento dos principios de estabilidade, sostenibilidade financeira e eficiencia do servizo (…)”. De seguro que estas restricióis presupostarias condicionarán negativamente calquera reordenación competencial futura a prol dos concellos.



No artigo 26 se regulan os servizos públicos mínimos a prestaren polos concellos segundo os diversos tramos da poboación municipal. Ante os problemas financeiros que haberá para a prestación deses servizos locais xorde a presencia protagonista das Deputacióis. Existirá a prestación directa de servizos pola Deputación ou mediante “fórmulas de xestión compartida a través de consorcios, mancomunidades ou outras fórmulas (…)”. Segundo a Lei, estes sistemas servirán para reducir os custos efectivos, baixo a decisión final do Ministerio. Eiquí temos unha nova manifestación de control e perda da autonomía local. Ademais, os concellos deberán xustificar que poden prestar estes servizos públicos ante a Deputación, así “o municipio poderá asumir a prestación e coordinación destes servizos se a Deputación o considera acreditado (…). Resulta inxustificábel este novo control da Deputación, institución secundaria de elección indirecta, fronte aos concellos, de elección directa polos cidadáns.

Pola outra banda, hai unha determinación de baleiramento de certas competencias locais. Son as materias de ensino, saúde e servizos sociais que pasarán agora para as comunidades autónomas, segundo o fixado en diversas disposicióis transitorias. Agardemos que esta reordenación competencial non repercuta negativamente na calidade dos servizos.

NOVO PROTAGONISMO PARA A COMARCA DO BIERZO.


As restricióis da autonomía municipal ten como contraposición un maior protagonismo das Deputacióis, Cabildos Insulares Canarios, Consejos Insulares Baleares e "entidades equivalentes". Nestas últimas, aplicando un senso amplo, ben se poderían incluír as veguerías catalanas e mailas comarcas. En todo caso, convén lembrar que a Lei de Castela e León, do ano 2010, que modifica a Lei da Comarca do Bierzo, indica que “a Deputación provincial de León poderá delegar na Comarca de O Bierzo as funcióis que tivera atribuídas polo ordenamento xurídico, coas limitacióis establecidas na lexislación básica estatal (…)” (art. 9). Logo todos estes entes supramunicipais terán importantes funcióis verbo dos concellos menores de 20.000 habitantes. 


A Lei que comentamos fai un apuntamento directo a prol das comarcas. "As previsióis desta Lei se aplicarán respetando a organización comarcal en aquelas Comunidades Autónomas cuxos estatutos de autonomía teñan atribuída expresamente a xestión de servizos supramunicipais (...)". Así pois, nada empece que a Comarca do Bierzo posúa un novo protagonismo institucional nesta reforma das administracióis locais.  Ademais, agora que se restrinxirá o papel das mancomunidades (disp. trans. 11ª) paga a pena recuperar as súas competencias para o noso Consello Comarcal.

No dito artigo 26 se menciona que “a Deputación ou entidade equivalente asuma a prestación destes servizos (de municipios con menos 20.000 h.)repercutirá aos municipios o custo efetivo do servizo en función do seu uso (…)”.Noutro parágrafo lemos que “a asistencia das Deputacióis ou entidades equivalentes aos municipios, prevista no artigo 36 (competencias propias da Deputación), se dirixirán preferentemente ao establecemento e axeitada prestación dos servizos mínimos (…)”. Nesta dinámica competencial o noso Consello Comarcal xa presta, mediante a delegación, a asistencia aos concellos e mailas pedanías do Bierzo.



No artigo 27, referido ás delegacióis competenciais do Estado e das comunidades autónomas nos municipios, hai unha nova referencia á intervención das Deputacióis ou entidades equivalentes. Porque a administración delegante, sexa o Estado ou mailas comunidades autónomas, “poderá solicitar a asistencia das Deputacióis ou entidades equivalentes para a coordinación e seguimento das delegacióis previstas neste parágrafo (…)”. Eiquí tamén o Consello Comarcal do Bierzo debería desenvolver o seu papel institucional mediante a delegación ou a encomenda de xestión.



Nas competencias propias das Deputacióis, na nova redacción do artigo 36 xorde a referencia á “prestación de servizos públicos de carácter supramunicipal e, no seu caso, supracomarcal (…)”, servizos que poderían ser prestados tamén polo Consello Comarcal do Bierzo. Outro tanto acontece coa “asistencia na prestación dos servizos de xestión da recadación tributaria” ou “a prestación dos servizos de administración electrónica e maila contratación centralizada” no ámbito territorial berciano. Agardemos que a vontade política da Deputación leonesa sexa máis favorábel á medrar a delegación competencial no noso Consello Comarcal.

MAIOR CONTROL DO PERSOAL DOS ENTES LOCAIS.


A política estatal uniformizadora procura unha maior regulamentación en materia de persoal. Comezan as restricióis coas retribucióis dos membros das corporacióis locais e do persoal de alta direción. Outro tanto acontece coa limitación das dedicacióis exclusivas dos concellais. Polo que toca aos funcionarios, regúlase os que teñen habilitación de carácter nacional, as súas funcióis, subescalas, provisión, réxime disciplinario e demais. Tampouco se libra da regulación o persoal eventual, obxecto de tantos abusos, xa que se limita o seu nomeamento segundo o número de habitantes do municipio.

OS INCUMPRIMENTOS ECONÓMICOS DOS ENTES LOCAIS.


A sempre presente Lei de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira impón os seus mandatos. Para os concellos incumpridores o plan económico-financeiro fixa un feixe de duras medidas corretivas (art. 116 bis), entre elas, a supresión de competencias, xestión integrada ou coordinada dos servizos obrigatorios, racionalización organizativa, incremento de ingresos para financiar os servizos obrigatorios e proposta de fusión de concellos. Pero incluso hai ameaza de supresión de entidades de ámbito territorial inferior ao municipio que “incumpran co obxectivo de estabilidade presupostaria ou co obxetivo de débeda pública (…)”. É dicir, outro exemplo máis da política gobernamental antipedanea porque hai un claro interese das grandes administracióis públicas por apropiarse dos bens públicos das xuntas veciñais dos pobos do Bierzo, León e demais territorios.



Por certo, de novo eiquí danse novas funcióis ás Deputacióis na “elaboración e o seguemento da aplicación das medidas contidas nos plans económicos-financeiros (...)”. Este protagonismo das Deputacióis parece sobrevalorado e desmedido porque supón o control por parte dunha institución de menor representación democrática sobre os concellos de elección directa. Toda esta argumentación só se pode cualificar de continuo ataque á autonomía local, tanto dos concellos coma das nosas xuntas veciñais do Bierzo.

O Bierzo, xaneiro de 2014.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es