lunes, septiembre 30, 2013

CRÓNICA DA MANIFA A PROL DAS XUNTAS VECIÑAIS DO ESTADO.

CRÓNICA DA MANIFA MADRILEÑA A PROL DAS PEDANÍAS DO ESTADO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A primeiras horas da madrugada do pasado 27 de setembro algún bercianos agardamos a chegada do chamado Tren-hotel na estación de Ponferrada. Con algúns minutos de retraso xorde da escuridade pechada o veloz comboio ferroviario. A meirande parte dos viaxeiros xa dormen no seu interior pero, mentres atopamos o noso sono, cavilamos en que neste tempo moitos outros compañeiros tamén viaxan nos buses dende distintas localidades peninsulares cara a Madrid.



O tren semella ser máis rápido cando atravesa a chaira castelá, León, Palencia, Valladolid, Medina del Campo, eiquí fai unha longa parada para engadir máis vagóns que veñen das lonxanas Rías Baixas. De novo en rota para Ávila e, tras atravesar a serra intermesetaria, cos primeiros raios luminosos desfrutamos do fermoso amencer mentres sobresaen os altos rañaceos madrileños.



Recíbenos a grande estación de Chamartín. Centos de viaxeiros baixan e suben para os trens de cercanías. Nós saímos para a buliciosa rúa e tomamos a dirección sul polo famoso paseo da Castellana. Moito tráfico e maxestuosos edificios, públicos e privados. Sucédense os Ministerios  de Economía e Defesa, o estadio Santiago Bernabeu, os Novos Ministerios, bancos e grandes hoteis, as maiores empresas do país, dende logo estamos no centro financeiro de España. Chegados á praza de Colón viramos para a dereita e subimos pola rúa Génova, onde pasamos polo baixo da sede do PP, lugar de concentración das rifas populares contra a política do Goberno central. Da comercial rúa Sagasta pasamos cara a Argüelles, onde non podemos evitar entrar nunha grande superficie comercial na busca dalgún agasallo. De eiquí non queda moito para o barrio de Moncloa, onde se sitúa o principal Tribunal Constitucional.



ANTE O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL.

A sede do alto órgano xudicial é o centro elixido para principiar a manifa en favor das pedanías do Estado. O cilíndrico e acristalado edificio esperamos que estea aberto a estas  demandas populares. Cómpre agardar que os berros cidadáns de hoxe sexan escoitados polos xuíces dende o seu interior. Tampouco semella imposible ter que recorrer nun futuro en contra do actual contido do proxecto de reforma da Lei do Réxime Local que se tramita nas Cortes Xerais, xa que resulta moi lesivo para a autonomía das nosas xuntas veciñais.



A Policía Nacional custodia o Tribunal Constitucional ante centos de manifestantes chegados de todo o Estado. Sen embargo parece máis escasa a representación norteña, con presencia de cántabros, burgaleses e bercianos. Moita máis xente do sul, con protagonismo estremeño e andaluz. Lembremos que hai dúas organizacióis estatais que reclaman a representación dos entes locais menores peninsulares. A chamada federación norteña decidíu non acudir a esta chamada de mobilización madrileña en base a diferencias reivindicativas. Nós cremos que na unión está a forza e non compartimos a forzada división actual. Esta concentración en Madrid sempre terá máis repercusión mediática e política que a que se poida celebrar en calquera outra parte do Estado. Aínda así a federación norteña convoca outra manifa para o domingo 20 de outubro na cidade de León.

Cada vez hai máis colorido por mor das camisetas, gorras, pancartas e bandeiras que representan as identidades dos diferentes entes locales menores. Para nós a maioría dos pobos alí situados sonnos descoñecidos pero aínda así hai un grande irmanamento de xentes que se recollerá nas crónicas xornalistas, fotografías anónimas e lembranzas persoais.



A TÁBOA REVINDICATIVA DAS PEDANÍAS.

Antes de comezar a andaina polas rúas madrileñas, os dirixentes, detrás da pancarta principal, fan declaracióis ante os xornalistas presentes. Podemos escoitar as críticas á vindeira reforma da Lei do Réxime Local do Estado porque procura a supresión dos entes locales menores coma tales institucióis. Tamén se rexeita o escaso tempo que se concede para presentar as contas económicas, só de 3 meses dende a aprobación definitiva da dita Lei. Outro tanto acontece coa imposibilidade de creación de novas pedanías, limitando así a autonomía das novas poboacióis e mailos habitantes. Pior é a ameaza de control das súas competencias polas Deputacióis e mailos concellos que ademáis se apropiarían da propiedade dos bens públicos pedáneos (montes, bosques, brañas, pradoiros…). Coa marcha da manifa para diante resoan os aturuxos vindicativos das numerosas pedanías, La Guijarrosa, La Bobadilla, La Redondela, Fuente Carretero, Torrecera, Fuente Victoria, Alcacín, Coo e tantas outras en defensa da súa identidade local e da xestión autónoma dos seus bens públicos.



Ao final da marcha, xa no campus universitario da Complutense, os dirixentes principais tomaron camín para o pazo da Moncloa, coa intención de entregar as súas demandas ante a Presidencia do Goberno. A pequena representación berciana recolle as bandeiras e retoma a volta á nosa rexión periférica. Co deber cumprido, agora xa miramos para o futuro, comentamos entre nós a vindeira visita á cidade leonesa, coa manifa a prol das xuntas veciñais que terá lugar o susodito 20 de outubro.

O Bierzo, setembro de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

martes, septiembre 24, 2013

CURSO DE LINGUA GALEGA-BERCIANA, 12

CURSO DE LINGUA GALEGA-BERCIANA, 12.

POLO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO.
falaceibe@yahoo.es
---------------------------------

GRUPOS CONSONÁNTICOS GALEGOS –CT- E –CC-

Director, actual
Acta, activo
Autóctono, cacto,
Calefacción, coacción
Confección, didáctico
Estupefacción, indirecto, 
Lactante, perfección
Exacto, exacción
Obxectivo, lector
Tacto, tracción
Traxecto, vector
Equinoccial, ecléctico
Desinfección, dirección
Corrector, autóctono
Afectar, aspecto
Accionar, actualidade
Abxecto, abstracto
Circunspección, colecta
Conxecturar, colectivo
Caracterizar, atracción
Distracción, impacto
Intacto, insecticida
Inspección, extracción
Equinoccial, manufactura


PERÍFRASES VERBAIS GALEGAS CON INDICATIVO.

Pode haber corenta ou cincuenta quilómetros ata o Cebreiro.
E así veuse a saber que fóra un de Folgosa da Ribeira.
Logo atopou outro home e volveuna saudar como antes.
Polo visto debeu morrer tamén o señor Xoaquín de Soutelo
Tales palabras non deben de saír da túa boca
Non debes consentir tal aldrase (ofensa en castelán)
Sempre andaban a indagar vidas alleas de Vilafranca.
A ciencia xa está a pisa-la frontera do alén (más allá)
Prognosticoullo súa nai cando estaba para morrer.
Pois tes que saber que has facer da túa vida.



PERÍFRASES VERBAIS GALEGAS CON XERUNDO.

Está arranxando (arreglando) a cancela da cortiña (horta)
Ándase gabando de que cose moi ben na roupa dela
Levo traballando nisto trece anos.
Segue facendo falta un xefe.
Vai dicindo cousas arrepiantes de nós (ofensivas)
Vén facendo uns días bos polos Ancares bercianos.


PERÍFRASES VERBAIS GALEGAS CON PARTICIPIO.

Non me deu explicado que lle aconteceu no Castelo de Valboa.
Levo cortado eu máIs leña ca ti.
Si, teño ido a Colinas de Martín Mouro.
Iso está dido dabonda (de sobra)
Polo de agora, vai erguida media casa dos fillos de Corullón.
O Bierzo, setembro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

sábado, septiembre 21, 2013

VIAXE FERROVIARIO ENTRE VEGUELLINA DE ÓRBIGO E PONFERRADA

                                          

VIAXE EN TREN ENTRE VEGUELLINA E PONFERRADA,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es


O tren chega á estación de Veguellina de Órbigo. Subimos escasos viaxeiros e rápidamente toma velocidade cara a Astorga. Detrás queda a imaxe pantasma das ruínas da vella fábrica de remolacha. A estas alturas do verán xa nin as cigoñas habitan nas súas chemineas. Tralo peche desta industria alimentaria as explotacióis agrarias de remolacha deixaron de cultivar este produto porque os custos do transporte a Benavente non eran xa soportables.

                         FÁBRICA DE REMOLACHA ABANDONADA DE VEGUELLINA

Sen tempo para a reflexión serea, cruzamos polas estacióis de Barrientos e Nistal, onde non para este comboi. Renfe decidiu pasar de prestar o axeitado servizo ferroviario a moitas poboaciois rurais apesar das protestas veciñais. Vemos pola esquerda uns grandes edificios abandonados, son dependencias ferroviarias da liña entre Astorga e Plasencia. Estamos nas aforas de Astorga. Magníficas imaxes da cidade arrodeada da muralla romana. Á entrada da estación atopamos unha peculiar estructura gandeira. Trátase dun cargadeiro de gando lanar. A fines do século XIX, cando se construe esta liña ferroviaria a Monforte, abriuse a posibilidade de transportar as ovellas dende Estremadura ás brañas leonesas e bercianas, seguindo a canada leonesa occidental ou vizana.

                                                IMAXE DA CIDADE DE ASTORGA

De novo a toda marcha cara ao oeste. Sen parada pasamos o apeadeiro de Otero de Escarpizo, onde desfrutamos cun grande rebaño de ovellas. A verdade é que sorprende non atopar nada de gando en todo o percorrido cando antano era tan común. Subimos para Vega de Magaz, ao carón de Magaz de Cepeda, o seu concello. A ribeira do Porcos permite o ascenso para a estación abandonada de Porqueros. Dende eiquí hai estrada para o encoro norteño de Villameca. A paisaxe vexetal desta contorna amosa repoboaciois de piñeiros. 



SUBINDO PARA A SERRA MONTAÑOSA. 

Máis enriba chegamos a Brañuelas, tamén sen parada. A grande superficie do parque de vías anuncia a importancia que tivo en tempos pretéritos grazas á industria mineira. Aínda hai restos dalgún cargadeiro de carbón. Na saída o pobo os muíños de vento son mostras do progreso ambiental. A partir de eiquí principiamos a baixada para a rexión do Bierzo.

O primeiro val que atopamos é o do río Tremor que baixa dende Pobladura de las Regueras. A rápida baixada esconde o tren dentro de sucesivos túneis, á saída dos cales atopamos fermosas paisaxes con grande variedade vexetal. Cruzamos por enriba a autoestrada do Noroeste, e pouco despois o novo apeadeiro de La Granja de San Vicente. Pobo que se mobilizou para empecer a supresión de paradas ferroviarias. Este tren non para tampouco. Tratan de illar estas aldeas montañosas para favorecer a súa despoboación definitiva, pero por sorte ten un pedáneo resistente ante tanta inxustiza institucional.



ATRAVESANDO O LAZO FERROVIARIO.

A seguir atravesamos a máis importante infraestrura ferroviaria, trátase do chamado Lazo. A vía forma un lazo e cruza en dos niveis distintos para favorecer o descenso forzado dende La Silva para o barrio mineiro abandonado de Albares-estación, na ribeira do río Tremor. Por certo, non confunidir este caserío de Albares, con outro pobos como Albares de la Ribera e Las Ventas de Albares, preto de Bembibre.

                                     MAPA DO TUNEL DO LAZO NA REXIÓN BERCIANA

Tampouco para en Torre del Bierzo. Este pobo mineiro tampouco merece a atención de Renfe. A vella estación está acompañada do novo apeadeiro de ladrillo sen funcióis. É dicir outro investimento estatal que non serve xa para nada. Á saída do parque de vías xa non existe o famoso túnel no que tivo lugar o maior accidente ferroviario de España en tempos do franquismo. Seguimos desfrutando da ribeira do Tremor ata chegar ao pobo de Viloria, onde xunta augas con río Boeza.

                                       POBO MINEIRO ABANDONADO DE ALBARES

VIAXANDO POLAS RIBEIRAS DO RÍO BOEZA.

A veiga ábrese na entrada da vila de Bembibre. Da súa importante industria mineira pouco resta. Vemos aínda un cargadeiro ferroviario de carbón, á esqueda da estación pechada. Agora esta vila do Bierzo alto ten que procurar un novo futuro para os seus habitantes ante o peche definitivo das minas da contorna. Á saída o parque industrial intenta medrar paseniño.  Tren colle velocidade pola chamada recta de Almázcara, ao igual que o fan os automóbeis pola paralela autoestrada Noroeste. O vello apeadeiro de Villaverde de los Cestos xa non conserva infraestrutura ferroviaria, nin conserva a antiga parada facultativa previo aviso ao interventor.


                                       VELLO CARGADEIRO DE CARBÓN DE BEMBIBRE.

Así pois, en poucos minutos xa estamos en San Miguel de las Dueñas, en honra da famosa abadía feminina. Na contorna da estación atopamos infraestruturas mineiras. Un novo cargadeiro de mineral, e tamén o edificio de saída e chegada de vagonetas para os coutos Vivaldi e Wagner de ferro. Cableado de vagonetas que subía para os pobos montañosos de Onamio e Paradasolana.



O noso tren entra no canón do Boeza, entre túnel e túnel, vemos abaixo a ribeira poboada de chopos e mailo encoro de Montearenas. Para ver isto hai que estar moi atento ás entradas e saídas dos ditos túneis xa que a velocidade empece o desfrute sereo da agochada paisaxe. De súpeto vemos a saída do canón coa urbanización Patricia na outra ribeira oposta. Ábrese o val cara a Campo e máis aló os montes Aquilanos. En nada xa comezan os edificios da cidade de Ponferrada. Os viaxeiros alégranse de ver o río Sil e mailo castelo de Ponferrada de fondo. En fin paga a pena viaxar neste pequeno percorrido ferroviario, moi recomendable en calquera época do ano. 

                                          FIN DO CANÓN DO BOEZA EN PONFERRADA

O Bierzo, setembro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

jueves, septiembre 12, 2013

XORNADA EN DEFENSA DAS XUNTAS VECIÑAIS LEONESAS

XORNADA EN DEFESA DAS XUNTAS VECIÑAIS EN LEÓN, 

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

O pasado 6 de setembro tivo lugar na cidade de León unha Xornada en Defesa das xuntas veciñais, subtitulada “Sen raíces non hai futuro”, que tivo como protagonista ao profesor da Universidade de Salamanca, Valentín Cabero Diéguez. Este conferenciante comezou a súa exposición lanzando a primicia sobre la información que divulgou o xornal Le Monde sobre a denuncia dun plan para vender o patrimonio nacional español por mor do déficit público. Dende logo este suposto plan afecta directamente a moitos dos bens públicos comunais das nosas xuntas veciñais, auga, bosques, pastos, montes, etc.



Valentín fixo fincapé nos problemas de España, a crise económica e maila existencia dunhas elites extractivas que pretenden facerse co patrimonio nacional colectivo.  Por iso demandou a resistencia ante tanta desfeita. Logo pasou a analizar a importancia do número de xuntas veciñais no norte pensinsular. León con 1233 encabeza a listaxe, seguida de Burgos con 651 e de Palencia con 226. En total, Castela e León ten un total de 2226, mentres que en España existen 3720. A nivel estatal, Andalucía tiene 48, Estremadura 23 e Catalunya 63. Sorprende o caso de Galiza con 9 entes locales menores, pero non hai que olvidar que ten recoñecidos centos de parroquias a nivel autonómico.

A CRITICABLE NOVA ORDENACIÓN TERRITORIAL.
Pasou despois a pescudar na ordenación territorial de Castela e León. Esta foi moi criticada porque non recoñece as comarcas, polo esquecemento das cabeceiras comarcais como núcleos intermedios de articulación territorial.  Fronte a isto a Junta de Castela e León propón unha visión economicista, baseada na lei de estabilidade presupuestaria estatal. Ademais decide fomentar só os núcleos de poboación superiores a 20.000 habitantes.  Así se despreza o valor da proximidade e da cercanía, fomentando a verticalidade e maila xerarquía fronte á horizontalidade.

                                PINTADAS VINDICATIVAS NA CIDADE DE PONFERRADA

Polo que toca ás entidades locales menores. Valentín indicou que non se pretende a eficiencia, nin a transparencia nin a rendición de contas. Máis ben un control excesivo sobre as xuntas veciñais. Criticou o intento de apropiación das chamadas competencias impropias xa que dubida que se poidan xestionar por outras administracióis que só verán criterios económicos. Moi interesante resultou a crítica coa falacia dos costes estándar e efectivo porque no medio rural favorecen os costes baixos cando se realizan mediante facendeiras (traballos comunitarios non valorados económicamente).


                                  MAPA PARCIAL DE PEDANÍAS DO BIERZO CENTRAL

O Goberno estatal pretende fomentar as deputacióis provinciais, sen representación directa, para atacar aos pequenos concellos e tamén ás xuntas veciñais, ámbalas dúas institucióis con representación directa. Un claro ataque á autonomía local e maila democracia popular e rural. As deputaciois asumirán as competencias dos pequenos concellos, menores de 20.000 habitantes, que non poidan cumprir cos estándares dos costes estándar/efectivo na prestación dos servizos públicos. As deputacióis poderán xestionar esas competencias mediante consorcios que poderán ser privatizados, de novo se priorizarán os criterios económicos sobre os sociais no caso do medio rural despoboado. Consorcios que esixirán o pago dos seus servizos privatizados aos pobos.E para rematar estas aldraxes, anúncianse maiores controis dos secretarios e dos interventores sobre a documentación xurídica e financeira das xuntas veciñais. Este é un novo ataque ao dereito tradicional consuetudinario que permitía funcionar con maior autonomía ás xuntas veciñais (elección dos seus cargos, caso dos seus secretarios e fixación das súas contas internas).



VALORACIÓN DAS XUNTAS VECIAÑAIS.
Non hai dúbida da importancia dos bens comunais das xuntas veciñais. Velaí os intentos que hoxe comentamos por apropiarse deste patrimonio por outras administracióis superiores (Junta de Castela e León, deputacióis e concellos). Pero non olvidemos que noutras épocas xa se intentou atacar os bens comunais, casos dos roubos dos señores (nobleza e fidalga) das Idades Media e Moderna, Desamortización de Madoz (1855), políticas forestais do século XIX, reforestacióis franquistas, etcétera. A importancia dos comunais está tamén en su riqueza cultural, natural e toponímica. Ademais, moitos pobos teñen, por mor dos seus bens comunais, un gran potencial económico se algún día chega a ser ben explotado. Sen embargo, se se estraga definitivamente hipotecarán o seu futuro esperanzador.



A QUENDA DO DEBATE POPULAR.
A conferencia de Valentín encendeu os ánimos pois houbo un rico debate posterior. A queima da xente facilitou a demanda de movilización e loita. Hai que saír máis ás rúas para demandar a defesa dos bens comunais. Neste sentido houbo un recordo para a manifa da polémica que está prevista para o venres 27 de setembro en Madrid. Certo é que hai dúas federacióis de entidades locales menores, a norteña e a sureña (Andalucía e Estremadura) que compiten entre elas por obxectivos distintos. Agora ben, necesitamos a unión de forzas para demostrar un maior poder das xuntas veciñais. Algúns demandamos a presenza en Madrid para o dito 27 de setembro porque necesitamos ter protagonismo nas rúas da capital de España, ante os poderes mediáticos, xudicial e políticos (Cortes Xerais, Tribunal Constitucional e Goberno estatal). Outra cuestión formulada polo pedáneo berciano de La Granja de San Vicente foi a presencia ou non do secretario municipal nas xuntas veciañis. O pedáneo demandou a validez do seu secretario en base á tradición secular, engadindo Valentín a existencia do dereito consuetudinario local. Outros pedáneos leoneses denunciaron a falta de información por parte dos concellos que se concreta na falta de presencia axeitada de pedáneos nas mobilizacióis populares. 

O Bierzo, setembro de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

REPORTAXE FOTOGRÁFICO DOS PENDOIS DE VILLAVERDE DE LOS CESTOS.

REPORTAXE FOTOGRÁFICO DO DESFILE DE PENDOIS

FESTAS PATRONAIS DE VILLAVERDE DE LOS CESTOS,
25 DE AGOSTO DE 2013.
falaceibe@yahoo.es

XA VEÑEN OS PENDOIS CARA AO POBO DE VILLAVERDE DE LOS CESTOS.


BAILANDO O PENDÓN CON MOITA ARTE E CADENCIA.

 AS IMAXES RELIXIOSAS PREPARADAS PARA PRINCIPIAR O DESFILE.


DESCANSO MERECIDO DOS PENDOIS E DOS SEUS PORTADORES.


RETOMAN A MARCHA OS PENDOIS DO BIERZO ALTO.

PRESENTACIÓN DOS PENDOIS DE VILLAVERDE DE LOS CESTOS.


FORZA E EQUILIBRIO CO PENDÓN, QUE NON CAIA!


RINGLEIRA DE PENDOIS Á ENTRADA DE VILLAVERDE DOS CESTOS.

 OS PENDOS BERCIANOS RENDEN HOMENAXE Á VIRXE LOCAL.


CHEGADA ANTE A IGREXA PARROQUIAL DE VILLAVERDE.



QUE NON FALTEN OS GAITEIROS NAS FESTAS PATRONAIS BERCIANAS.
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

jueves, septiembre 05, 2013

O CONCELLO BERCIANO DE PÁRAMO DEL SIL

LIBRO SOBRE O CONCELLO BERCIANO DE PÁRAMO DEL SIL, 

por Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Hai tempo xa saíra un libro sobre a historia de Páramos del Sil, no ano 2006, a cargo de Vicente Fernández Vázquez. Hoxe retomamos a súa lectura para facer un pequeno resume do seu contido. A primeira parte fai un percorrido histórico. Como ben podemos supoñer escasean os datos antigos e medievais. Estes últimos podemos seguilos a través da documentación resgardada nos tumbos dos mosteiros bercianos, principalmente do cercano de Santo Andrés de Espiñareda. Salienta o seu autor que durante o período medieval estas terras pertenceron á rexión do Bierzo, “hasta la incorporación de Ribas del Sil al Condado de Luna durante los tiempos medievales estas tierras de Páramo del Sil habían formado parte de El Bierzo” (páxina 24).

                                      ESCUDO DO CONCELLO DE PÁRAMO DEL SIL

O tempo histórico máis estudado é o Moderno (séculos XVI ao XVIII).  Segue o funcionamento do chamado Concejo General de Ribas del Sil de Yuso, o seu sistema de elección, os diversos oficios concellís ou mailas ordenanzas concellís. Seguidamente pasa aos séculos XIX e XX, onde xa xorde a nova economía mineira. Fai parada investigadora na Ditadura de Primo de Ribera(1923-1930) , salientando os avances en infraestruturas, ensino, sanidade e loita contra o caciquismo (p. 43). Os seguintes feitos históricos refírense á República e maila Guerra Civil, onde os movimentos sociais e sindicais tiveron a súa importancia, principalmente no fito destacado da Revolución do 34 tan descoñecida aínda na rexión do Bierzo.



A outra parte do libro ten que ver cos aspectos económicos, onde salienta do sector gandeiro. Incluso ten un apartado para a trashumancia no Consello de Ribas del Sil, ata onde chegaron os rabaños dos Duques de Bejar e Marqués de Llanos (p. 71). A agricultura tradicional tamén é seguida con detemento, así como a pesca. Outro aspecto económico tratado é o da mineiría (dos empresarios e mailos traballadores), centrais térmicas ou encoros, rematando co comercio local.

Entramos no tema de sociedade e poboación. Primeiro os aspectos demográficos e de estrutura de poboación (pirámides, movementos migratorios, tanto ultramariña coma interior). Detense na poboación fidalga e continúa cos cambios dos séculos XIX e XX. Salientamos o apartado da conflitividade concellil, polo aproveitamento dos pastos ou a renovación de lindeiros.



O patrimonio cultural e tradicional é tamén obxecto de estudo detallado. Eiquí entran as tradiciois e ritos (traxe, xogo de bolos, toque de campás, os filandois, o calecho, a facendeira e mailas festas relixiosas). O patrimonio arquitectónico segue coa arquitectura relixiosa (mosteiros, ermidas e igrexas). Despois está a arquitectura popular e civil (diferentes tipos de casas, de palla, lousa ou patín, palleiros, cabanos, cortíns, corradas, casas solariegas…). Á arquitectura hidráulica pertencen as pontes do municipio. Para rematar o apartado cos chamados tesouros artísticos (esculturas, sagrarios, ostensorios…).

Outro capítulo fai un rápido percorrido polos pobos do concello (Anllares, Anllarinos, Argayo, Páramo, Primout, Salentinos, Santa Cruz, Sorbeda e Villamartín), onde analiza diversos aspectos sobre a súa historia, barrios, patrimonio e demais.  Para finalizar cun álbum fotofráfico e a galería de personalidades. A verdade é que resulta moi interesante o repertorio de fotos antigas que ofrece este libro nas súas páxinas. Botamos en falta unha análise do patrimonio lingüístico peculiar do municipio. Vai sendo hora de que os que se dedican á historia local teñan máis en conta a presenza deste patrimonio lingüístico tan desvalorizado por algúns.

 O Bierzo, setembro de 2013.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es