viernes, octubre 04, 2013

NOVO ANIVERSARIO DO ESTATUTO DE CASTELA E LEÓN

OUTRO 30 ANIVERSARIO DO ESTATUTO DE CASTELA E LEÓN EN PONFERRADA,

Por Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Por segunda vez no mesmo ano ten lugar na cidade de Ponferrada unha xornada co gallo do 30 aniversario do Estatuto de Autonomía de Castela e León. Está ben que se dediquen xornadas para promocionar a dita Lei Orgánica. Agora ben, o que non resulta admisible é que teñamos que aturar os asistentes con tanta improvisación por parte dos relatores. Os que asistimos á primeira xornada, aló polo mes de febreiro de hogano , tivemos que aturar coa desgana do exalcalde de León, Morano Masa, que non sabemos a razón da súa invitación daquela. Onte de novo apareceu por eiquí o Demetrio Madrid, que repite xornada, pero a verdade é que non achega case que nada. Non se entende a falta de respecto deste exdeputado rexional que non trae nada preparado e parece falar do que lle sae nese momento. Non se fan os relatorios así, polo menos en atención ao público que asiste co bo ánimo durante dúas horas da noite pechada.


Nesta ocasión estiveron o dito Demetrio Madrid, o repetidor destes actos e que é un dos que menos achega, o berciano José Álvarez de Paz e o leonés Mario Amilivia, presidente do Consello Consultivo de Castela e León. Comezaron os tres coas respectivas e mútuas loas, para que o público vexa o ben que se levan entre eles. Esta actitude sobra cando estamos nunha xornada sobre o Estatuto de Autonomía, unha perda de tempo para todos. Incluso o Demetrio Madrid aproveitou o seu tempo para louvar ao alcalde de Ponferrada que, como dixo ante os medios de comunicación, debe voltar ao partido socialista. Non estamos para estas cuitas internas de partido. Os tres defenderon a política, como non podería ser doutro xeito nestes tempos de grave crise institucional. Pero habería que dicir que os cidadáns estamos fartos dos políticos que non da política en senso amplo, tan necesaria para organizar a nosa convivencia acotío. Menos louvas políticas e máis autocrítica pedimos todos e todas aos políticos e os seus partidos que non saben para nada respostar ás demandas sociais con máis democratización e participación nas súas organizaciois e institucióis que gobernan.



Houbo que esperar un bo rato de charla política deles para atopar algo de interese. Así o veterano José Álvarez de Paz lembrou o traballo de Celso López Gavela, en Salamanca, para o recoñecemento das comarcas no primeiro Estatuto de Autonomía. Grazas a eses debates agora podemos ter a única Comarca recoñecida legalmente, a do Bierzo. Tamén aproveitou para criticar os problemas de articulación territorial de Castela e León. Neste senso referiuse aos Planos de Desenvolvemento Rexional que non conseguiron unha execución axeitada. Quizais poidamos dicir que estes planos pecaron de dirixismo dende enriba mentres que non conseguiron a execución debida por falta de negociación cos suxeitos locais afectados, que ben poderían estar organizados por comarcas, como ben apuntou o Demetrio Madrid. A picada máis forte do político berciano foi cando apuntou que se quere desenvolvemento agrícola para O Bierzo, con importantes produtos hortofrotícolas, mentres que por outra se permite a coincineración en Toural dos Vaos. Recordou que o mesmo aconteceu en Córdoba onde a resistencia popular rexeitou a coincineración, o mesmo temos que facer coa mobilización na nosa rexión berciana.


Pola outra banda, o leonés Mario Amilivia fixo fincapé na denominación da Comunidade Autónoma, sen definición no primeiro Estatuto, só unha vinculación provincial, ata chegar á actual comunidade histórica e cultural actual. Neste senso resaltou o tema do recoñecemento do leónes e do idioma galego. Claro que por desgraza o fomento desta linguas non vai máis aló que unha sinxela declaración formal sen intervención material axeitada.

A INTERVENCIÓN DO PÚBLICO VALE MÁIS. 

Na quenda de preguntas animouse o debate coa referencia directa ao Consello Comarcal, criticado pola súa excesiva institucionalización sen profundar na democracia, coa aprobación do regulamento de participación cidadá, exemplo claro do medo dos políticos locais a unha maior intervención do pobo nos asuntos públicos . Tamén se fixo mención a unas partidas presupostarias do Consello Comarcal limitadas e condicionadas polas institucióis que recadan os cartos públicos, a saber, a Junta de Castela e León e maila Deputación leonesa. Deste xeito non hai case que autonomía financeira do Consello Comarcal ante esta restricción presupostaria que favorece, como acontece agora, o medre anual de débedas. 



Outra pregunta apuntou o problema das xuntas veciñais, ameazadas de desaparición pola reforma da Lei do Réxime Local do Estado. A preocupación das xuntas veciñais, ante a súa ameaza de desaparición e ante a premura de presentación das súas contas no prazo de 3 meses dende a aprobación da dita Lei estatal, se concretará o día 20 de outubro na convocatoria de manifestación en León. 

Na resposta de Mario Amilivia propuxo, de forma sorprendente, que as Comunidades Autónomas asumisen a competencia en materia de réxime local. Dende logo que neste tema comparte o programa político de calquera partido nacionalista do Estado, sexan galego, catalán ou basco. Ten toda a razón o político leonés, porque eiquí está a razón da imposibilidade de reforma da organización territorial na Galiza (coas fracasadas Fundacióis comarcais) ou en Catalunya (coas súas comarcas e veguerías). Xa veremos o que acontece neste senso coa recentemente aprobada lei de ordenación do territorio de Castela e León, porque o problema está en saber se é compatible coa reforma da Lei do Réxime Local que se está a debater nas Cortes Xerais. Tamén o presidente do Consello Consultivo remarcou a protección que ten a Comarca do Bierzo, coa derradeira reforma estatutaria, xa que para suprimila habería que modificar a propia Lei Orgánica do Estatuto de Autonnomía de Castela e León, algo que se conseguiu grazas á presión do bercianismo político. Nestes tempos cambiantes, ningunha institución pública está a salvo de posibles supresióis ou modificacióis á baixa, como acontece coas ameazas sobre as nosas xuntas veciñais comentadas.



Rematamos dicindo que o público merece outro tratamento nestas xornadas. Queremos dicir que hai que esixir máis compromiso co traballo dos conferenciantes, con menos improvisación e brincadeiras provocadoras de risas. Porque as viaxes e estadías dos conferenciantes de seguro que os pagamos todos cos nosos impostos e non estamos en tempos para estragar cartos públicos. Non se debe estragar a oportunidade de difundir o contido do Estatuto de Autonomía de Castela e León con opinióis persoais sen senso  por parte dalgún vello político que só fai recomendar o consenso político como exemplo para as futuras xeracióis.

O Bierzo, outubro de 2013.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es