lunes, septiembre 30, 2013

CRÓNICA DA MANIFA A PROL DAS XUNTAS VECIÑAIS DO ESTADO.

CRÓNICA DA MANIFA MADRILEÑA A PROL DAS PEDANÍAS DO ESTADO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A primeiras horas da madrugada do pasado 27 de setembro algún bercianos agardamos a chegada do chamado Tren-hotel na estación de Ponferrada. Con algúns minutos de retraso xorde da escuridade pechada o veloz comboio ferroviario. A meirande parte dos viaxeiros xa dormen no seu interior pero, mentres atopamos o noso sono, cavilamos en que neste tempo moitos outros compañeiros tamén viaxan nos buses dende distintas localidades peninsulares cara a Madrid.



O tren semella ser máis rápido cando atravesa a chaira castelá, León, Palencia, Valladolid, Medina del Campo, eiquí fai unha longa parada para engadir máis vagóns que veñen das lonxanas Rías Baixas. De novo en rota para Ávila e, tras atravesar a serra intermesetaria, cos primeiros raios luminosos desfrutamos do fermoso amencer mentres sobresaen os altos rañaceos madrileños.



Recíbenos a grande estación de Chamartín. Centos de viaxeiros baixan e suben para os trens de cercanías. Nós saímos para a buliciosa rúa e tomamos a dirección sul polo famoso paseo da Castellana. Moito tráfico e maxestuosos edificios, públicos e privados. Sucédense os Ministerios  de Economía e Defesa, o estadio Santiago Bernabeu, os Novos Ministerios, bancos e grandes hoteis, as maiores empresas do país, dende logo estamos no centro financeiro de España. Chegados á praza de Colón viramos para a dereita e subimos pola rúa Génova, onde pasamos polo baixo da sede do PP, lugar de concentración das rifas populares contra a política do Goberno central. Da comercial rúa Sagasta pasamos cara a Argüelles, onde non podemos evitar entrar nunha grande superficie comercial na busca dalgún agasallo. De eiquí non queda moito para o barrio de Moncloa, onde se sitúa o principal Tribunal Constitucional.



ANTE O TRIBUNAL CONSTITUCIONAL.

A sede do alto órgano xudicial é o centro elixido para principiar a manifa en favor das pedanías do Estado. O cilíndrico e acristalado edificio esperamos que estea aberto a estas  demandas populares. Cómpre agardar que os berros cidadáns de hoxe sexan escoitados polos xuíces dende o seu interior. Tampouco semella imposible ter que recorrer nun futuro en contra do actual contido do proxecto de reforma da Lei do Réxime Local que se tramita nas Cortes Xerais, xa que resulta moi lesivo para a autonomía das nosas xuntas veciñais.



A Policía Nacional custodia o Tribunal Constitucional ante centos de manifestantes chegados de todo o Estado. Sen embargo parece máis escasa a representación norteña, con presencia de cántabros, burgaleses e bercianos. Moita máis xente do sul, con protagonismo estremeño e andaluz. Lembremos que hai dúas organizacióis estatais que reclaman a representación dos entes locais menores peninsulares. A chamada federación norteña decidíu non acudir a esta chamada de mobilización madrileña en base a diferencias reivindicativas. Nós cremos que na unión está a forza e non compartimos a forzada división actual. Esta concentración en Madrid sempre terá máis repercusión mediática e política que a que se poida celebrar en calquera outra parte do Estado. Aínda así a federación norteña convoca outra manifa para o domingo 20 de outubro na cidade de León.

Cada vez hai máis colorido por mor das camisetas, gorras, pancartas e bandeiras que representan as identidades dos diferentes entes locales menores. Para nós a maioría dos pobos alí situados sonnos descoñecidos pero aínda así hai un grande irmanamento de xentes que se recollerá nas crónicas xornalistas, fotografías anónimas e lembranzas persoais.



A TÁBOA REVINDICATIVA DAS PEDANÍAS.

Antes de comezar a andaina polas rúas madrileñas, os dirixentes, detrás da pancarta principal, fan declaracióis ante os xornalistas presentes. Podemos escoitar as críticas á vindeira reforma da Lei do Réxime Local do Estado porque procura a supresión dos entes locales menores coma tales institucióis. Tamén se rexeita o escaso tempo que se concede para presentar as contas económicas, só de 3 meses dende a aprobación definitiva da dita Lei. Outro tanto acontece coa imposibilidade de creación de novas pedanías, limitando así a autonomía das novas poboacióis e mailos habitantes. Pior é a ameaza de control das súas competencias polas Deputacióis e mailos concellos que ademáis se apropiarían da propiedade dos bens públicos pedáneos (montes, bosques, brañas, pradoiros…). Coa marcha da manifa para diante resoan os aturuxos vindicativos das numerosas pedanías, La Guijarrosa, La Bobadilla, La Redondela, Fuente Carretero, Torrecera, Fuente Victoria, Alcacín, Coo e tantas outras en defensa da súa identidade local e da xestión autónoma dos seus bens públicos.



Ao final da marcha, xa no campus universitario da Complutense, os dirixentes principais tomaron camín para o pazo da Moncloa, coa intención de entregar as súas demandas ante a Presidencia do Goberno. A pequena representación berciana recolle as bandeiras e retoma a volta á nosa rexión periférica. Co deber cumprido, agora xa miramos para o futuro, comentamos entre nós a vindeira visita á cidade leonesa, coa manifa a prol das xuntas veciñais que terá lugar o susodito 20 de outubro.

O Bierzo, setembro de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es