lunes, noviembre 14, 2011

CULTURA DA CASTAÑA NA REXIÓN DO BIERZO.



CULTURA DA CASTAÑA NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.



A abundancia de castañas nos nosos soutos é salientado con orgullo pola tradición oral, formando coas uvas os froitos máis xeneralizados. “No Bierzo, as montañas, a que non dá viño dá castañas”.
“O pior marrano sempre lle toca a millor castaña”, como exemplo do engorde dos cochos con castañas, noutros lugares faino con landras. Tamén se fai referencia á sorte dos animais co alimento do rebusco, “sempre o porco ruín topa coa millor castaña”.


COMIDA E BEBIDA NOS MAGOSTOS.
Diversos ditos populares relaciónan a castaña co bo xantar, “no mes de novembro os catiñeiros regañan o dente”. Sen olvidar os perigos dos excesos, “ao comer castañas e papas sempre anda o cu a fragotas”. Cando o viño acompaña de mais o magosto popular, dicimos “menuda castaña leva” ou “cada tres bullós, trago de Deus”. Alguis intentan prestixiar o xantar con castañas, “tan honrado é o caldo como as castañas”, fronte a outros pratos da mesa berciana.


AS CANCIÓIS BERCIANAS.
As cancióis populares inciden ben na nosa tradición castañeira. “Acabáronse as castañas, só quedan castañeiros. Acabáronse as castañas, heides de quedar solteiros”, porque os magostos aprovéitanse para facer vida social e acadar novas parellas de noivos. Nos Maios de Vilafranca do Bierzo cantan “tire castañas señora María, tire castañas que as ten na cociña (…)”, provocando sempre para conseguir presentes dos veciños.


“Castaña de bon orizo, sempre foi de moito codicio”, significa que a moza de boa familia sempre é estimada, e “a muller e a castañas, o orizo ben as salva”, referida ao recato, segundo nos deixou escrito Manuel Rodríguez y Rodríguez. “O que ten maos, apaña castañas”, todos á colleita sen excepción. Quen traballa non se pode despistar porque se queima o que non debe, “o que estuda, non asa castañas” ou “fíxate nas castañas asadas que se estoupan sairanche caras”. Tralos magostos, pouco resta xa “onde castañas se asaron, cinzas quedaron”.


O CICLO AGRARIO BERCIANO.
Compiten os froitos entre eles, “por S. Miguel (29 de setembro) primeira a noez, a castaña despois”. Pero teñamos coidado porque “auga de outubro, as mellores froitas podre”. O dito popular dinos, “as castañas que despois de San Martiño (11 de novembro) se quedan no souto son do moucho”. Rariña é a castaña primeriza, “temperá é a castaña que por setembro regaña”. Mentres que “castañas en Nadal saben ben e prestan mal”, outro di “castañas por Nadal saben e parten mal”. O tempo climático condiciona a recollida, así “agosto mollau, castañas cestau” ou “setembro seco, castañas no cesto”. Os froitos van avisando do que se aveciña, “a castaña no agosto quere arder, e no setembro beber”


A invocación aos santos castañeiros que non falte, “Santo que estás no canizo, tira castañas para baixo; tira das máis grandiñas que as pequeñas non me agacho”. Os santos sempre axudan a mellorar as colleitas, “por San Euxenio (13 de novembro), castañas no fogo”. Pero San Martiño é o que máis froitos recibe, “castañas, noces e viño, fan a ledicia de S. Martiño”.


De remate, outros refráns típicos son “a castaña ten unha maña que se vai con quen a apaña” ou na outra versión “a castaña ten unha maña que por setembro regaña”. E quedamos coa cantiga “a castaña no ourizo quixo rir e regañou, caeu do castaño abaixo mira que chasco levou”. E tamén xorden as pelexas, “deulle un par de castañazos” ou “pegouse un castañazo”. Tamén hai referencias para os tacaños en “solta a castaña, tacaño”.


O Bierzo, novembro de 2011,
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa