lunes, mayo 03, 2010

O BIERZO CO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010


O BIERZO CO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010,
Por Xabier Lago Mestre, colectivo Fala Ceibe do Bierzo.



Hogano celebramos o Día das Letras Galegas en honra do escritor Uxío Novoneira, poeta do Courel moi cercano ao Bierzo. A súa condición estremeira tamén a compartimos os bercianos. A lírica intimista, apegada á terra nai, recupera o seu poder literario na escrita. Ao abeiro do dialectismo labrego soubo enriquecer o idioma de Galiza. “É xa hora de que sexas toda patria dos teus/ dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus”. Porque a patria debe ser de todos os que compartimos a lingua secular que nos cohesiona.


A súa mirada literaria non esqueceu tampouco a presencia cultural do Bierzo. “En pasado Monte Irago/ e xa en Lingua de Galicia/ Ponferrada e Vilafranca/ deixando a chaira Estanca/ e nas mesmas portas dela./ O Valcarce e sin perguicia/ polo marcado carreiro (…)”. Lección do noso mestre. O idioma común pode e debe recuperar as bisbarras irmás, a mellor arma para derrubar prexuizosos lindeiros políticos. Só así algún día o desexo do poeta será realidade, “Irei un día do Courel a Compostela por terra liberadas?”.


Dende O Bierzo non podemos deixar de vindicar, para o vindeiro Día das Letras Galegas, un novo protagonismo cultural noso. Que o 2011 sexa declarado ano de Antonio Fernández y Morales. Este escritor publicou no 1861, dous anos antes dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, Ensayos poéticos en dialecto berciano. Esta obra está escrita en galego-berciano e pode inserirse no chamado Rexurdimento galego. O noso autor recolle o complexo das costumes (magostos, vendimas, entroidos, romarías…) e da xeografía berciana (Vilafranca, Ponferrada, Cacabelos…), prestixiando o escenario lírico popular.


Dende logo que a declaración do 2011, como ano de Antonio Fernández y Morales, co gallo do 150 aniversario da publicación dos ditos Ensayos poéticos, supoñería un grande esforzo de prestixio cultural colectivo. Aínda así cómpre facer unha nova homenaxe aos falantes asoballados da franxa estremeira (Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas e val do Elas), como xa se fixo no 2002, co frei Martín Sarmiento. Chega o momento de recuperarmos as vellas palabras do escritor berciano, “Cual tesoro que o codicia/ de dous avaros escolta/ con xusticia, ou sin xusticia/ tira por ela Galicia/ mais Castilla non a solta”. Oxalá Galiza teña a valentía necesaria e aproveite esta oportunidade de dignificar culturalmente O Bierzo, como exemplo de irmandade galega.

O Bierzo, maio de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa