lunes, agosto 10, 2009

REFORMA MONÁSTICA NA REXIÓN BERCIANA.


REFORMA MONÁSTICA NA REXIÓN BERCIANA E DEPENDENCIA EXTERIOR,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Fala Ceibe do Bierzo.



Na rexión berciana houbo numerosos mosteiros que sufriron ao longo da súa historia sucesivas transformacióis. Nesta ocasión imos fixarnos nos cambios que se produxeron nalgúns deles, por mor dunha nova reforma monástica, a fines do século XV e principios do XVI. A dita reforma fomentouse polos Reis Católicos e continuou co emperador Carlos V. Tratábase de reformar os mosteiros do Bierzo segundo as directrices dos centros de Valladolid.


O MOSTEIRO DE S. PEDRO DE MONTES.
A iniciativa de reforma deste mosteiro berciano foi exterior, emprendea o abade de S. Benito de Valladolid, frei Pedro de Nájera, que visitou o centro en compaña do abade de Espiñareda, frei Diego de Burgos. Os ditos reformadores chegaron ao mosteiro en outubro de 1505, mais o abade de S. Pedro de Montes, Stracio de Noreña, e os seus monxes non quixeron recibilos. Os visitadores, ante as resistencias dos de Montes, tiveron que pedir axuda ao corrixidor de Ponferrada, a primeira autoridade civil na provincia do Bierzo. Pero como os monxes non aceptaban aos reformadores decidiron fuxir do mosteiro o 3 de decembro. Tralas negociacióis entre ámbalas dúas partes, chegaron a unha concordia co abade titular Stracio, o cal renunciou o 3 de xaneiro de 1506, a cambio dunha pensión vitalicia, mentres que o resto de monxes aceptaron a reforma finalmente.


O reformador frei Pedro de Nájera nomeou ao novo abade do mosteiro, frei Hernando de Sasamón. A bula de anexión do mosteiro á Congregación de Valladolid ten data de 9 de xuño de 1506, e executouse o 1 de setembro de 1506. Os novos abades trataron de controlar as súas posesióis territoriais, facéndo para elo os correspondentes apeos nas zonas de val de Valdueza, ribeira de Urbía, A Cabreira, Os Barrios de Salas, Molinaseca e Valdeorras. Parte destas posesióis foron ocupadas polo conde de Lemos no século XV e polo marqués de Vilafranca a primeiros do século XVI.


Pola outra banda, o mosteiro de Montes foi dependente de Valladolid e tamén estivo vinculado a Salamanca, “muchas de sus rentas irán a engrosar las arcas de los monasterios de San Benito en Valladolid y San Vicente en Salamanca”, segundo Vicente Fernádez Vázquez (El monasterio de S. Pedro de Montes en la Edad Moderna). Houbo que agardar ata 1542 para que o cenobio berciano recuperase a independencia verbo de Salamanca, sendo daquela abade frei Gaspar de Laguna, que ao comezo do seu abadiato foi á vez de Montes e de Salamanca.


O MOSTEIRO DE STA. Mª DE CARRACEDO.
Este mosteiro berciano pasou a depender da Congregación de Castela en 1505, pero ata chegar ata esta data houbo certa conflitividade froito de resistencias internas. Esta reforma contaba co apoio directo da Coroa que confirmará os seus privilexios, caso da raíña Isabel a Católica en 1481, 1484 e 1487. Mediante provisióis ordenarase ao gobernador de Galicia, Diego López de Haro, gardar os privilexios do mosteiro.


Para facer a reforma monástica houbo que desaloxar pola forza aos seus abades seglares comendatarios, como aconteceu en 1484, data na que o bacheller Arias de Henares tomou o mosteiro ao asalto. En 1498 o Reis Católicos envían ao corrixidor de Ponferrada contra o abade comandatario Juan de Dena, pois se negaba a renunciar á súa tenencia. Por iso houbo que pagar ao abade deposto unha pensión anual de 150 ducados ata 1530, segundo José A. Balboa de Paz (El monasterio de Carracedo, 1991).


O mosteiro berciano xa reformado tratará de recuperar as súas posesióis territoriais estragadas en tempos pasados. En 1498 houbo unha rebelión dos seus sufridos vasalos. Os grandes señores da rexión tamén se enfrontaron co mosteiro, casos do conde de Lemos, dos condes de Trastámara que arrebatou Cervantes e do conde de Alba de Liste que pretendía para si a Granxa de S. Vicente. Igualmente houbo conflito coa colexiata de Vilafranca polos diezmos de Paradela, e co concello de Ponferrada pola ampla devesa do Fabeiro.


O MOSTEIRO DE SAN MIGUEL DE LAS DUEÑAS.
O mosteiro de S. Miguel de las Dueñas tamén sufríu as consecuencias da súa dependencia da Congregación de Castela, ao igual có outro mosteiro cisterciense de Carracedo. Nesta ocasión as rendas do mosteiro de monxas agregáronse al colexio de S. Salvador de Salamanca, por bula apostólica do papa Julio en 1506. O mesmo destino tiveron as rendas dos mosteiros galegos de Acibeiro e Penamaior (1508). Ante esta situación de dependencia económica exterior, o mosteiro berciano pasou a ser só priorato, colocouse un administrador de rendas chamado frei Pedro de Ribas del Sil, procedente do mosteiro de Carracedo, e o mosteiro estivo sen comunidade de monxas durante 25 anos.


Trala morte da abadesa María Mezquita en 1498, elixiron a Isabel de Figueroa, monxa cisterciense de S. Quirce de Valladolid, co apoio do abade de Carracedo e do outro abade de La Espina. Pero a nova abadesa non foi aceptada polas monxas de S. Miguel de Las Dueñas. Por iso a abadesa foránea tivo que recorrer ante Roma para impoñer o seu nomeamento. A bula do papa Alejandro VI, en 1500, confirmou o seu nomeamento. A pesar disto último a abadesa Isabel non apareceu polo mosteiro berciano, a cal procedía dunha rica familia vallisoletana de Villandrando, “por lo que puede explicarse su nombramiento”, segundo indica a historiadora Gregoria Cavero Domínguez (El monasterio cisterciense de S. Miguel de las Dueñas… 1992). Esta abadesa sería a última antes de que o mosteiro pasase a ser un degradado priorato. As monxas deste cenobio tiveron que trasladarse ao mosteiro berciano de Vilaboa.


REMATAMOS facendo mención a algunhas das causas argumentadas polo discurso oficial para levar a cabo a dita reforma monástica no Bierzo. A nivel espiritual a reforma pretendía evitar a relaxación nos costumes dos monxes. A nivel material queríase reagrupar os monxes e evitar diversas fundacióis alonxadas, así como evitar a dependencia da nobreza local mediante as encomiendas. Por último, procurábase que a elección dos abades fose por tres anos. Rachábase coa dependencia dos anteriores abades seglares comandatarios respecto da aristocracia local, a maioría dos novos abades eran foráneos, controlados así polas casas monásticas centrais, subordinados á Congregación de Castela (no caso dos mosteiros cistercienses) e á Congregación de S. Benito de Valladolid (nos mosteiros benedictiños)


O Bierzo, agosto de 2009.

www.obierzoceibe.blogspot.com