martes, noviembre 18, 2008

A HISTORIA DOS XORNAIS BERCIANOS


A HISTORIA DOS XORNAIS N´O BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe d´O Bierzo.



Vén de saír á rúa un novo libro de Santiago Castelao Diñeiro. Este autor ten xa varias publicacióis sobre fotografías de Vilafranca, o refraneiro berciano e mailas árbores singulares. Nesta ocasión descúbrenos a “Historia de la Prensa en El Bierzo”. De xeito sinxelo fai un rápido repaso polos xornais que se editaron na rexión berciana. Unicamente Santiago podería realizar este traballo, só el se preocupou de recompilar todas esas publicacióis de tanto valor histórico no seu arquivo privado.


Por orde cronolóxica fai un rápido e breve percorrido polos distintos xornais. De cadaún deles entresaca algunhas notas características, ano de saída, lugar de publicación, editores, ideoloxía, contidos, portadas e demais. Toda esa información resulta moi interesante para os historiadores e o público en xeral. Salientamos a importancia que tiveron os sectores político (Promesa de 1944) e católico (Correo Berciano de 1912) na edición das publicaciois nos séculos XIX e XX, como non podería ser doutro xeito. Ante os ditos dous sectores, fortemente ideoloxizados e poderosos economicamente, pouco puideron competir o resto dos xornais que se definían como democráticos (La Voz Berciana de 1912), independentes (El Bierzo de 1918), festivaleiros (La Sonrisa Berciana de 1918), estudantís (Bergidum de 1953) ou culturais (Región Berciana de 1913, Heraldo del Bierzo de 1912, El Templario de 1924, Villafranca de 1982).

A influencia pública dos párrocos da Colexiata, da Basílica da Encina e de S. Pedro de Ponferrada quedou de manifesto nos xornais La Parroquial Berciana (1913) e Bierzo (1957) e Hoja Parroquial (1945), respectivamente, ou os Pais Paúles con La Juventud Berciana (1910). Mentres que El Amigo del Pueblo sufriu a condeación do Cabido astorgano, segundo o seguinte teor, ”venimos a condenar y condenamos, en prohibir y prohibimos el periódico el Amigo del Pueblo que se publica en Villafranca, y cualquier otro, que con semejante o diverso título se publique en adelante como afín o como sucesor de aquel, prohibiendo su lectura a nuestros súbditos bajo pena de pecado mortal, etc” (páxina 12). Dende logo que a Igrexa non estaba daquela, no ano 1890, pola liberdade de prensa.


Interesante é salientar o propósito dos xornais bercianos pola “defensa dos intereses rexionais”. Son os casos de El Heraldo del Bierzo (Vilafranca, 1909), continuado coa Región Berciana (Vilafranca, 1913), El Boeza (Bembibre, 1919), Bierzo Nuevo (Vilafranca, 1921), xornal este “independente e defensor do progreso moral e material da rexión”, Eco Berciano (Vilafranca, 1925), Informaciones del Bierzo (Vilafranca, 1926), os dous tamén se definen como defensores dos intereses da rexión. Con isto queremos indicar a clara conciencia bercianeira deles, que non se manifestaba nunha reivindicación política pero que xa denotaba esa identidade territorial propia dos bercianos. A visión territorial ampla da nosa rexión ofrécese por parte de El Templario (1924) que se centra tamén en Laciana, para logo abranguer os partidos xudiciais de Murias de Paredes e O Barco de Valdeorras. Posteriormente ao ámbito de Valdeorras tamén se achegou o semanario Aquiana (1964). Resulta curioso comprobar como os xornais da primeira metade do século XX defendían o termo rexión para O Bierzo, mentres que os da segunda metade, exemplos do semanario Bierzo 7 (1984) e maila revista La Comarca del Bierzo (1991), apostan polo restrictivo termo de comarca para concretar o noso territorio. Dende logo que resulta máis acertada a defensa rexional dos xornais antigos que a comarcal dos máis recentes. Precisamos hoxe dunha visión xornalista rexional, aberta a Laciana e Valdeorras, rachando dunha vez por todas co prexuízo da “fronteira mental” coa Galiza, xa que o futuro común dos tres territorios sempre será máis doado.


De remate, dicir que todos eses xornais forman parte dun pasado difícil de repetir. Os actuais medios informáticos e telemáticos ofrecen unhas posibilidades informativas, difusoras, competitivas, económicas e participativas que non se poden atopar xa no soporte de papel. Así pois os cambios xornalísticos do século XXI, coa rede mundial internet e con outras que poidan xurdir, facilitarán un maior e mellor acceso dos bercianos e das bercianas á información xerada en tempo real na nosa rexión. Ademais, para empecer o control informativo dos grandes medios informativos estatais, autonómicos e provinciais sempre teremos a posibilidade de acceder á contra-información que ofrecen bitácoras (blogs) individuais.


O Bierzo, novembro de 2008.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/