martes, octubre 02, 2007

A COOPERACIÓN INTERINSTITUCIONAL POLO GALEGO-BERCIANO


A COOPERACIÓN INTERINSTITUCIONAL POLO GALEGO-BERCIANO,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo.

falaceibe@yahoo.es

A rexión berciana está arrodeada de territorios con fortes identidades culturais, razón pola cal recibiu influencias variadas ao longo da historia. Esas relaciois interterritoriais posibilitaron a existencia de tres linguas n´O Bierzo, a saber, castelá, ástur-llionesa e mailo galega. Alguis din que este último idioma pervive no occidente pola continuada inmigración de Galiza. O certo é que a diversa documentación medieval en galego dos mosteiros locais, así como o seu uso popular por unha comunidade de 35000 falantes, determinan a súa peculiar caracterización territorial e propia d´O Bierzo. Neste sentido pouco importa que este idioma se fale mellor ou peor, con máis ou menos castelanismos, se saiba escribir ou non, o seu dialectismo interno e demais. O único certo é que filoloxicamente o que falamos é galego.

Un xornal leonés vén de publicitar unha proposición non de lee, aprobada polo Parlamento galego no pleno de 13 de xuño de 2007, referida á colaboración institucional coas comunidades autónomas con territorios onde se fala galego. Curiosamente infórmase á opinión pública dunha resolución aprobada hai máis de tres meses en Santiago de Compostela. O contexto político actual é conflitivo. Debátese en Madrid a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León, non se aproba a proposta leonesista de birrexionalidade mentras que se recoñece expresamente a O Bierzo no articulado. Nesta desputada conxuntura xorde o seguinte titular: "Galicia inicia una ofensiva para ´galleguizar` la comarca de El Bierzo". ¿Coincidencia informativa ou intencionalidade subxectiva?.

Pero mellor será voltar á citada proposición non de lei do Parlamento galego. No seu contido propoñense medidas para "impulsar, en aquelas comarcas nas que se fala galego, a popularización social no uso da nosa lingua e a potenciación do seu uso, nomeadamente no ensino (...)". Fálase de negociar convenios de colaboración "nun marco de respecto e colaboración institucionales (...)" para a realización de "estudos sociolingüísticos, oferta de cursos de galego (...), fomento da utilización do galego nas administracións locais en áreas galegofonas, recuperación das formas propias da toponimia dos territorios de fala galega (...)". Tamén hae referencias á mellora da recepción do senal de Radio Galega e TVG, á presenza das informaciois sobre estas zonas na CRTVG e á creación de programas territoriais propios. Non podía faltar o desexo de "apoiar ás organizacións sociais que se esforzan na promoción do galego nestas comarcas (...)". O apartado adicado a medios de comunicación de estas comarcas propón "apoiar e subvencionar o uso do galego escrito ou oral (...)".

Todas as organizaciois culturais galego-bercianas apoiamos a execución destas propostas administrativas para defender e promocionar o noso idioma minorizado. Non hai nada raro en que dende Galiza se propoña un marco legal, con medidas lingüísticas concretas, para poder intervir indirectamente a prol do fomento da lingua galega nos territorios veciños doutras comunidades autónomas, o contrario si que sería impropio. Inxusto é que certas instituciois de Castela e León, Junta, Fundación Villalar, Instituto de la Lengua de Castilla y León, Instituto Leonés de Cultura, etc realicen o mínimo esforzo por manter a lingua galega d´O Bierzo. Estas instituciois seguen vendo este idioma como unha sinxela tradición sen futuro, unicamente obxecto de investigación histórica e filológica.

A comentada proposición de lei do Parlamento galego pretende a normalización de uso da lingua galega d´O Bierzo. Este idioma necesita para pervivir recuperar ámbitos sociolingüísticos de xeito progresivo. Neste sentido o protagonismo dos falantes bercianos é fundamental pero tamén a intervención das instituciois, por exemplo non poñendo máis atrancos ao seu uso administrativo. Agora é o momento de conceder dereitos lingüísticos aos galego-bercianos mediante o preceptivo recoñemento de cooficialidade idiomática no Estatuto de Autonomía de Castela e León. En fin o Parlamento de Galiza deixa claro, coa aprobación por unanimidade da proposición non de lei, que está disposto a axudar á promoción do galego d´O Bierzo, falta atopar a colaboración do resto de administraciois implicadas.

Ponferrada, outubro de 2007.
http://obierzoceibe.blogspot.com/

Tfno. 695344293.

http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk