martes, marzo 21, 2006

O GALEGO NO ESTATUTO DO BIERZO.

O GALEGO NO ESTATUTO DE COMARCAL DO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.

Dende 1991 O Bierzo conta cunha institución de seu, o Consello Comarcal. Esta administración creouse por mor de lei das Cortes de Castela e León. Esta concesión parlamentaria significou un recoñecemento político da especificidade xegráfica, económica, social e histórica do Bierzo. Pero convén ter presente a influencia decisiva que as continuas demandas de maior autonomía territorial tiveron nesta resposta da clase política. Despois de 14 anos de experiencia comarcal berciana chegou a hora de retomar a reforma do dito Estatuto Comarcal para facer as modificaciois axeitadas no seu contido. Neste sentido a comunidade galegofalante do Bierzo quere facer propostas referidas ao recoñecemento do noso idioma territorial no dito texto legal. O galego xa ten un recoñecemento expreso no Estatuto de Autonomía de Castela e León, no seu artigo 4.2, pois ben, por pura lóxica demandamos agora que a nosa lingua territorial do Bierzo occidental figure tamén no Estatuto Comarcal.
As novidades que en materia lingüística propoñemos para a reforma do Estatuto de Comarcalización están fundamentadas a nivel xurídico, xa que se deron fórmulas semellantes nos procesos comarcais de Cataluña e Aragón. Por esta razón as Cortes de Castela e León non poderán rexeitar discrecionalmente as nosas propostas. Ademais hai un deber político de cumprir en maior grao co preceptuado pola lexislación da Unión Europea, caso da Carta Europea de linguas rexionais ou minoritarias. Sen esquecer tamén o papel decisivo que a presión social do movemento reivindicativo galego-berciano terá que xogar durante o debate e maila tramitación parlamentarias de modificación da correspondente ley rexional.

Parte esencial do Estatuto de Comarcalización é a súa Exposición de Motivos, nela figura “a necesidade de atender ás características geográficas, económicas, sociais e históricas”, consideramos primordial que esta relación comprenda tamén as culturais e lingüísticas. O Bierzo é unha rexión pluricultural dende a Idade Media, da cal se deriva a actual realidade bilingüe, e na que o idioma galego ten un carácter básico na nosa configuración socio-territorial.

O capítulo 1º, das Disposiciois Xerais, comeza coa relación alfabética dos concellos que forman O Bierzo. Propoñemos a inclusión da denominación bilingüe dos concellos occidentais, sitos no territorio de tradición histórica e lingüística galego-berciana, así como tamén o da propia Comarca. En definitiva, o artigo 1 complétase con: El Bierzo/O Bierzo, Balboa/Valboa, Barjas/Barxas, Borrenes/Borreis, Cabañas Raras/Cabanas Raras, Camponaraya/Camponaraia, Fabero/Fabeiro, Peranzanes/Peranzais, Priaranza del Bierzo/Priaranza do Bierzo, Puente Domingo Flórez/A Ponte Domingo Flórez, Vega de Espinareda/A Veiga de Espinareda, Vega de Valcarce/A Veiga de Valcarce, Villadecanes/Viladecais e Villafranca del Bierzo/Vilafranca do Bierzo. Resulta obrigatoria a denominación municipal na lingua castelá, como así o fixou a Lei de Réxime Local de Castela e León, e optativo o idioma galego pois non o impide esta norma.

Tamén se debería indicar a referencia expresa ao establecemento de convenios de colaboración con outros territorios de forte vinculación histórica, socio-económica e cultural co Bierzo. Son os exemplos da Comunidade Autónoma de Galicia, e máis concretamente das comarcas veciñas de Valdeorras, O Courel e Os Ancares lugueses, en materias tales como turismo, ensino, medio natural, medios de comunicación, etcétera.

O artigo que recolla a mención expresa aos idiomas do Consello Comarcal deberá facer referencia ao galego, como lingua histórica e territorial do Bierzo occidental. Esta clarificación terminolóxica respecto ao galego evitará calquera confusión coas indeterminadas “modalidades lingúísticas”, recoñecidas tamén no Estatuto de Autonomía de Castela e León. Isto é moi importante para demostrar que os falantes de Galiza e o Bierzo temos o mesmo idioma, aínda que esteamos en distintas Comunidades Autónomas e perviva a variedade dialectal, o cal non debe empecer que avancemos cara ao futuro recoñecemento legal dos mesmos dereitos lingüísticos, como membros pertencentes a unha mesma comunidade etno-cultural. Ter clara conciencia colectiva de que falamos igual significa fuxir do illamento localista e integrarnos na modernidade da mao da comunidade galego-portuguesa.

No tema sobranceiro da simboloxía comarcal salientamos a fixación da dobre capitalidade, a político-administrativa en Ponferrada e a cultural en Vilafranca do Bierzo. Recordemos que a vila do Burbia tamén é a capital histórica do Bierzo occidental, o territorio de tradición cultural galego-berciana.

No Capítulo 2º, das Competencias da Comarca, hai que incluir na correspondente relación delas a materia lingüística. Esta abranguerá a actividade institucional derivada da protección e o fomento do idioma galego nos diversos eidos, casos do uso administrativo, ensino, toponimia, medios de comunicación, cultura, etc. A peculiar problemática do mantemento e da promoción do galego no Bierzo debe determinar a intervención do Consello Comarcal na materia de ensino, para garantizar a aprendizaxe deste idioma territorial e o seu uso normalizado no sistema escolar.

Para rematarmos dicir que a presencia da comunidade galegofalante no Bierzo concreta o feito diferencial comarcal, de tipo cultural e idiomático. Isto esixe un tratamento xurídico particularizado con políticas antidiscriminatorias a prol da minoría galegofalante fronte á maioría castelaofalante da Comunidade Autónoma de Castela e León.

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

a reivindicación da cooficialidade do galego no Bierzo é peza clave. Non podedes deixar de pedilo porque desa consecución poden vir o resto de dereitos lingüísticos, como xa temos na Galiza. Seguro que os partidos nacionalistas, entre eles o BNG, van apoiarvos nesa reivindicación. Polo menos hai que tentalo ¿non si? pois tirade pra diante!

3:34 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home