sábado, marzo 18, 2006

A nosa bandeira oficial do Bierzo

A Nosa Bandeira Oficial do Bierzo,
por Xabier Lago Mestre
Pte. Asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo.

A bandeira oficial do Bierzo, a do Consello Comarcal, cumpre xa 5 anos pois o seu deseño actual se aprobou o 14 de abril de 2000. Os preceptivos debates políticos centráronse na elección entre os distintos proxectos (a branquiazul bercianista, a histórica derivada do Pendón de Lanzas coa cruz de Borgoña conservada no Concello de Ponferrada e a terceira, unha mestura de ámbalas dúas anteriores). Finalmente salíu elixida a chamada bandeira de consenso, a última, a composta pola cruz colorada de Santo André, cos triángulos dereito e inferior azuis, e os triángulos superior e esquerdo brancos. No centro da bandeira xorde un escudo de raiceiras históricas (coa cruz medieval de Penalba) e con motivos tradicionais (as follas de vide e os martelos da mineiría); deseño pouco innovador do profesor José Antonio Balboa de Paz.Cando se aprobou o estandarte oficial do Bierzo de xeito definitivo houbo gran polémica social e política.
A bandeira bercianista, a branquiazul, estaba xa consolidada dende a Transición democrática. A título de exemplo, temos novas da edición de pegatinas co dito emblema bercianista de José de Arriba en novembro de 1978. Tamén axudou á divulgación da bandeira bercianista a coincidencia de cores coa equipación da Sociedade Deportiva Ponferradina de balompé. A lóxica apuntaba á elección da bandeira branquiazul coma oficial do Bierzo, pero non contou co necesario consenso político de todos os partidos, quizais para non dar folgos ao bercianismo político, polo que se optou finalmente por outra alternativa, a dita opción mesturada, chamada popularmente bandeira cruzada ou cruceira. O certo é que todos sabemos que a bandeira oficial vai consolidándose paseniño como símbolo identitario de O Bierzo.
Outra crítica que se fixo á bandeira oficial do Bierzo é que supuxo a mestura doutras anteriores xa consolidadas pola historia (o Pendón de Lanzas) e pola aceptación social (a branquiazul). Convén dicir que tamén outras importantes bandeiras actuais son mestura doutras. Así, a de Gran Bretaña (The Union Flag) creouse en 1908, tras un novo deseño que agrupaba as bandeiras dos territorios asociados, a inglesa (cruz de St. George), irlandesa (cruz de St. Patrick) e escocesa (cruz de St. Andrew). Outro caso moi cercano é a bandeira da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten a súa orixe en 1891, como modificación do estandarte naval da Coruña (cruz de S. André en azul sobre fondo branco). Ademais da coñecida Ikurriña vasca, deseño de fines do século XIX, dos irmaos Luís e Sabino Arana Goiri, que se basea no escudo viscaíño.A outros tampouco gusta a cruz colorada da bandeira do Bierzo, derivada da cruz de S. André do histórico Pendón de Lanzas do concello ponferradino, porque semella unha tachadura sobre a bandeira branquiazul. Esa cruz de Borgoña sobre fondo branco está presente en bandeiras tan importantes como as dos estados norteamericanos da Florida e Alabama.
Bandeiras con aspas e triángulos coloreados, dispostos coma na berciana, teñen os estandartes dos estados de Jamaica (con triángulos decores verdes e negros) e do africano de Burundi (con triángulos verdes e colorados).Logo a innovación do deseño da bandeira oficial do Bierzo tampouco vai tan aló como se podería supoñer inicialmente. A nosa bandeira incorpora influencias historicas e bercianistas derivadas da forte concienciación identitaria e territorial dos cidadaos do Bierzo. De remate dicir que este cumpreanos da nosa bandeira debería motivar a todos os alcaldes sen excepción a colocaren xa o noso estandarte nos balcóis das Casas dos Concellos do Bierzo.

1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

para abril venderemos banderas del Bierzo al precio de 9 euros, ya avisaremos oportunamente. En semana santa haremos el gran reparto de banderas bercianas. Espero de vuestro interés. Saludos bercianistas.

11:25 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home